Balonmano | División de Honor

El Balonmano Porriño golpea primero

Hauptman colle a Caro Bono nunha acción do partido de onte, mentres que Estela Carrera fala coa adestradora do seu equipo, Cristina Cabeza.
photo_camera Hauptman colle a Caro Bono nunha acción do partido de onte, mentres que Estela Carrera fala coa adestradora do seu equipo, Cristina Cabeza.
O Conservas Orbe Porriño superou ó Guardés na Sangriña cun gol de Paulina Buforn e adiántase nos cuartos de final do ‘play-off’ de División de Honra

Gañou o Porriño despois dunha década, concretamente once anos. Gañou o Porriño nun par de segundos. Anos de procura e uns momentos de decisión. Hai moitas historias en dous lustros. Tamén moitos momentos decisivos ó longo dun partido, pero toda explicación da vitoria de onte do equipo louriñés fronte o Guardés na Sangriña é preciso comezala polo último minuto, a falta duns trinta segundos cun lanzamento de sete metros de Paulina Buforn fronte á porteira Miriam Sempere. A ibicenca do Porriño case todos os anteriores, pero errou o lanzado uns quince segundos antes. Deulle igual. Agarrou a pelota con decisión, incluso unha pouca máis que nas ocasións anteriores. Enviou o esférico ó fondo da rede e polo mesmo lado que onte a cancebeira repeliu o lanzamento anterior. Iso si, agora trocou a traxectoria con bote na pista e algo de efecto para facer unha curva imposible á que non chegou a porteria.

Así, nese lanzamento de sete metros resúmese a primeira vitoria do Porriño na Sangriña en máis de dez anos. Chegou no ‘play-off’ polo título. Nuns cuartos de final no que o conxunto louriñés deu o primeiro paso, pero o cruce aínda ten que resolverse o domingo  no Municipal de O Porriño. Se gaña o Guardés, haberá unha prórroga de desempate. Se hai vitoria ou empate local, o equipo de Isma Martínez estará en semifinais. Facer prognósticos é moi complicado en calquera derbi galego e aínda un pouco máis polo visto onte.

 

 

De regreso ó último minuto, as cousas puideron ser diferentes tras o gol de Cristina Cifuentes que igualaba a 29 tras loitar o Guardés contra derrota todo o segundo tempo. Atacou o Porriño e chegou o primeiro sete metros, lanzouno Paulina e meteu a perna Miriam Sempere, pero o esférico marchou pola banda e iso daba un ataque máis ó equipos louriñés. Unha bola extra que rematou nun novo sete metros porque esta vez foi Caro Bono a que asinou a penetración, e tocouna no ombreiro Itziar Martínez sobre ó area. Os árbitros miráronse e indicaron un novo lanzamento dende a liña. Foi protestado polas locais. O pase extra facilitou a decisión arbitral, algo discutida, e o gol. E tamén podería ser diferente porque o equipo local tivo trinta segundos para o empate.

Parou o tempo Cristina Cabeza e tirou de xogada ensaiada. E sucedeu que Aitana Santomé saltou no medio da circulación, nun  deses detalles nimios qu eson chave, para evitar un pase e enviar ó pensado ó lixo. A segunda opción de ataque enmarañouse e rematou co intento do pase de Cacheda a Palomo que non chegou a destino porque as defensoras do Porriño tiñan claro que podería pasar calquera cousa menos unha recepción diante da liña. Houbo lanzamento de sete metros con reloxo parado a propia pivote, pero sen opción.

Foi o epílogo dun enfrontamento notable no que gañou o Porriño, perdeu o Guardés, pero a vitoria foi conxunta no espectáculo, na propia fazaña de ver unha eliminatoria entre dous equipos separados por corenta quilómetros como o cuarto e quinto de España. E o libro tivo moitos capítulos cunha primeira metade con desenvolvemento previsible e unha segunda parte na que apareceron todos os personaxes posibles.  Tras un primeiro tempo no que funcionaron máis os ataques que as defensas e as porteiras estiveron desaparecidas, todas tiveron unha participación tras o descanso.

Aparecen Ayelén e Sempere

A primeira en destacar foi a cancerbeira visitante Fátima Ayelén. Se algunha das porteiras collía inspiración podería ser decisiva e estivo moi preto de facelo a de Mendoza. Comezou a sacar balón, especialmente os que chegaban dende os extremos e isto favoreceu un pouco máis a sempre intensa defensa porriñesa. Un 0-4 de parcial puxo o partido en 17-20 e non rematou aí o encontro porque espertou no outro lado da pista Miriam Sempere ó parar algúns ataques posicionais e, sobre todo, sacar ata catro contragolpes sen oposición do Porriño. Eran minutos de mando louriñés claro, pero Maider Barros enviou unha contra fóra e tres sacounas Sempere que, de paso, tamén repeleu outra contra de Malena Valles.

Dez minutos de auténtica supervivencia local, de estar contra as cordas sen gol e con perdas de balón, pero de sobrevivir porque xogaba na Sangriña o partido era un derbi e o público sempre xoga. É un factor chave para rescatar e apoiar ó seu equipo. E non parou de animar. Así, o Guardés respirou e chegaron os padecementos a un Porriño que non aproveitou a opción de certificar a vitoria.

Pouco a pouco, con traballo, o equipo local ía recortando gol a gol. Era unha remontada chanzo a chanzo, con sufrimento e con xogo, con defensa e con goles. Así, chegou ós últimos oito minutos a dous goles. A dinámica do xogo parecía indicar que a vitoria ía ser local unha vez máis, pero Paulina Buforn non estaba dacordo. Asinou os últimos catro goles do seu equipo, tres de lanzamento exterior sen erro e o sete metros do último, que xa está contado ó inicio desta crónica. E, alguén pensará, como non a tentaron parar antes? Porque antes amosou que tamén é un perigo cando circula ou mete balóns ó pivote. Se non é cunha fórmula, o desequilibrio chega mediante outra. Resultou o factor decisivo.

Te puede interesar