vigo

A cidade lembra a relación de Rosalía de Castro con Vigo

O paseo literario, que principiou ao carón da oliveira de Alfonso XIII, percorreu distintos escenario do Casco Vello relacionados con Rosalía de Castro.
photo_camera O paseo literario, que principiou ao carón da oliveira de Alfonso XIII, percorreu distintos escenario do Casco Vello relacionados con Rosalía de Castro.

Máis dun cento de persoas participaron pola mañá nun percorrido literario, que se completou pola tarde cunha ofrenda floral

 Rosalía de Castro tivo unha vinculación moi forte con Vigo que, lonxe de ser na súa época só unha cidade cunha puxante industria no século XIX, foi tamén un importante polo de cultura. O filólogo e investigador vigués Xurxo Martínez foi o encargado de revelar estes e outros datos descoñecidos para o gran público no paseo literario organizado onte, ao través do Servizo de Normalización Lingüística, polo Concello de Vigo, que declarou o 24 de febreiro, data do nacemento da poeta, como Día de Rosalía.
O roteiro, realizado pola mañá, arrincaba da oliveira do Paseo de Alfonso XII —como símbolo do nacemento da cidade tras a Reconquista— con medio cento de participantes, aos que se foron sumando numerosas persoas que sabían de esta iniciativa así como outras máis que se viron sorprendidas pola visita guiada, até chegaren a ser un cento no tramo final.
O paseo literario fixo paradas na Praza do Peñasco, onde se fixo fincapé na transformación da vila mariñeira coa chegada dos fomentadores catalás, xermolo da industria e da burguesía viguesa. Foi neste contexto, na segunda metade do século XIX, no que Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837-Padrón, 1885) tivo contacto con Vigo, cidade na que viviu un tempo pola súa relación de parentesco cos irmáns Alejandro e Eduardo Chao, quen chegaría a ser ministro, ambos máximos representantes do ambiente liberal daquela época, na que se sucedían os levantamentos e cambios de rexime e de goberno.
Alejandro, que foi padriño da filla máis vella de Rosalía, é o editor que creou en La Habana a editorial La Propaganda Libertaria, na que se editou “Follas novas”, e o que trouxo a Vigo ao impresor Luis Compañel, onde se imprimiou por iniciativa de Chao “Cantares gallegos” e o xornal “La Oliva”, ao que lle sucedería, por mor da censura, “El Miño”, todas obras de gran repercusión tanto dentro como fóra de Galicia, especialmente entre a emigración galega, primeira en significar a importancia da obra rosaliá. “O prólogo de 'Cantares Gallegos' supuxo o manifesto do Rexurdimento”, salientou o investigador Xurxo Martínez, quen tamén lembrou o carácter reivindicativo da obra e pensamento de Rosalía, tanto no aspecto social como feminista.
O paseo buscou todas esas pegadas nas rúas Chao, onde se falou da relación desta familia cos Castro; Real, onde estivo a primeira imprenta de Vigo ao ser declarada capital de provincia e a imprenta de Compañel; Oliva, onde estivo a imprenta de Ángel de Lema, de corte conservador; e Joaquín Yáñez, antes Rúa Imperial, onde estaba o Casino (hoxe, Biblioteca Juan Compañel) que presidía José Ramón Fernández, mecenas de Rosalía de Castro, para rematar na Praza da Constitución. Aquí pechábase o círculo xa que era onde estaba a botica de José María Chao, pai dos Chao e destacado antiabsolutista, membro do Batallón Literario na Guerra da Independencia e a quen se acusou de atentar contra o capitán xeral Nazario Eguía, carlista e obsesionado cos liberais. 
Pola tarde, os actos do Día de Rosalía de Castro continuaron cunha ofrenda floral perante o edificio onde se supón que estivo por un tempo a imprenta de Juan Compañel, á que seguiu unha lectura pública no Centro Cívico do Casco Vello de poesías de esta autora que revolucionou a corrente do Romanticismo en España. 

Te puede interesar