Sociedad

O peregrino compostelán 100.000 de 2018 é colombiano

Jorge Enrique Forero.
photo_camera Jorge Enrique Forero.

No que vai de ano o número de persoas que fixeron o camiño xacobeo aumentou nun 10 por cento

n n n O peregrino número 100.000 chegou este sábado a Santiago despois de 799 quilómetros e 33 días de viaxe após dos que o camiñante, Jorge Enrique Forero, asegura sentirse "privilexiado" e "moi agradecido" por poder facer o Camiño por segunda vez. Forero viaxou desde Medellín (Colombia) até Francia para comezar a ruta en Saint Jean Pied de Port, o punto de partida do Camiño Francés, hai 33 días, e este sábado recolleu a súa Compostela -documento que acredita a realización da Ruta Xacobea- no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino nun acto ao que acudiu o cóengo da Catedral, Daniel Lorenzo, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Este veterano do Camiño considera que na viaxe hai "entendemento, solidariedade e agradecemento", o que o converte nunha "experiencia marabillosa" que xa está a pensar en repetir por terceira vez "en bicicleta" ou coa súa "familia".
A primeira ocasión que se propuxo facer algunha das rutas que chega a Santiago foi grazas á "recomendación" dun amigo, esta proposta levaríalle a iniciar unha travesía desde León até Muxía (A Coruña). Nesta segunda viaxe veu acompañado doutro amigo, Jorge Valbuena, que comparte os mesmos sentimentos de "satisfacción" que o seu compañeiro. Ambos cren que o Camiño de Santiago é "algo máis que a Compostela", é "a experiencia de camiñar, coñecerse a un mesmo e darse conta de que hai límites que se poden romper".
A Administración autonómica considera que se está "consolidando a internacionalización da Ruta Xacobea", xa que o "66% dos peregrinos son estranxeiros", procedentes de "151 países". No acto de recibimento, Nava Castro sinalou que os peregrinos veñen cada vez de máis lonxe, "Estados Unidos destaca por encima doutros países que son os nosos veciños como Portugal".

MAIOR AFLUENCIA
Este ano a chegada do peregrino número 100.000 adiantouse unha semana con respecto ao ano pasado, segundo confirmou Nava Castro. Isto significa que xa acabaron o Camiño un 10% de persoas máis que o ano pasado nas mesmas datas, polo que se espera que o peregrino 200.000 tamén se adiante. n

Te puede interesar