O IES Escolas Proval busca formar persoas cunha sólida formación académica e humana
xornal escolar
O centro, pioneiro no seu momento na implantación da ESO, tamén foi dos primeiros en por en marcha o programa Abalar, mediante o cal cada alumno de 1º e 2º da ESO dispón dun ordenador portátil de uso individual
Actualmente o IES Escolas Proval de Nigrán oferta estudos de ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos de Administrativo e de Electrónica, en diúrno e nocturno, Educación Secundaria de Adultos en nocturno e Sección da Escola Oficial de Idiomas. O centro, pioneiro no seu momento na implantación da ESO, tamén foi dos primeiros en poñer en marcha o programa Abalar, mediante o cal cada alumno de 1º e 2º da ESO dispón dun ordenador portátil de uso individual. As aulas contan con ordenador e canón de proxección, acceso a internet e encerado dixital. Así mesmo, dispón de diferentes aulas-taller como as de Debuxo, Tecnoloxía, laboratorios de Física e de Bioloxía, e aula de Música. A biblioteca conta con 16.860 volumes catalogados, sala de lectura, e zona de ordenadores. A cafetería atende en horarios diúrno e nocturno, e tamén serve comidas os días en que hai clases pola tarde. Todo o centro está adaptado para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, conectando os tres andares do edificio novo cun ascensor, e con ramplas para todos os desniveis externos.
O centro conta con cinco liñas de transporte gratuíto para alumnado de Baiona, Gondomar e Nigrán. O profesorado, que participa en moitas actividades de formación, aposta por un ensino que atende á diversidade, utiliza as novas tecnoloxías, traballa con novos métodos de aprendizaxe cooperativa, e tamén se implica na creación dun ambiente solidario e na resolución de conflitos, buscando formar persoas activas, responsables, cunha sólida formación académica e humana. Este traballo é posible grazas ás familias, que colaboran co centro a través das titorías.
ESO e Bacharelato
A atención á diversidade na ESO é axudada polos apoios e reforzos en grupos pequenos, adaptacións curriculares, agrupamentos específicos en 2º, e Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento académico en 2º e 3º. Os alumnos de Bacharelato dispoñen dunha gran variedade de materias optativas, e veñen acadando o 100% de aprobados na selectividade en xuño.
Ciclos Formativos
de Administración
O ciclo medio de Administración e Xestión forma ao alumnado para a obtención do título de Técnico en Xestión Administrativa en quenda de diúrno, e tamén en réxime de adultos, que os capacita para integrarse no ámbito laboral do Val Miñor, cuxa demanda está aumentando para dar servizo ao centro industrial do Porto do Molle. O ciclo de grao superior de Administración e Finanzas impártese cun método de ensino-aprendizaxe participativo e colaborativo nas aulas, apoiado por todos os programas de xestión e comunicación empresarial que se utilizan no mundo laboral.
Ciclos Formativos
de Electrónica
Na actualidade ofértase un ciclo de FP Básica de Informática e Comunicacións, un ciclo medio de Instalacións de telecomunicación en quenda de diúrno, e tamén en réxime de adultos, e un ciclo superior de Mantemento Electrónico. A formación lévase acabo en aulas-taller ben equipadas nas que se fan unha gran cantidade de prácticas.
Cada ano ten lugar en xuño a ExpoElectrónica, unha xornada de portas abertas na cal se expoñen traballos realizados polos alumnos, e se fan obradoiros que achegan a construción de prototipos electrónicos. Unha das actividades que causa maior aceptación son os concursos como o "chutómetro", un aparello que mide a velocidade de tiros a porta cun balón, ou a loita de robots no interior dun pequeno tatami. O centro dispón dunha aula de Enerxías renovables, e ese día funcionan unha cociña solar e outros inventos, como unha fonte accionada pola enerxía do Sol.
Prácticas en empresas e Programas Europeos
Ao remate dos Ciclos, tanto medio como superior, o alumnado realiza a fase de prácticas en empresas da comarca, o cal facilita moito a súa posterior inserción laboral. Grazas a estas prácticas, duns tres meses, moitos alumnos acaban traballando ao rematar os estudos. O IES Escolas Proval participa no Programa Europeo Erasmus + co cal numerosos estudantes dos ciclos formativos de grado medio e superior realizan as súas prácticas nun país da Unión Europea, no sector afín á titulación cursada. Tamén teñen a opción de facelo no ano posterior a ter titulado. No pasado curso 2015/16 os 16 alumnos Erasmus realizaron as súas prácticas en Reino Unido, Portugal, Italia, Alemaña e Bélxica, cun moi bo resultado final, tanto na satisfacción dos alumnos, como das empresas. Isto supón a oportunidade de seguir colaborando en recibir alumnado nos vindeiros cursos. Ademais dos destinos do curso pasado, este ano o alumnado ten ocasión realizar as prácticas en Malta.
Tamén o profesorado ten neste curso períodos de formación en empresas, institutos e universidades, tanto de países da Unión Europea (Italia, Bélxica e Portugal) como de fóra da Unión (Albania, Bosnia-Herzegovina e Tailandia). Estes contactos supoñen un intercambio, e no mes de abril o instituto recibirá alumnado e profesorado italiano.
Réxime de nocturno
Existe a posibilidade de cursar os estudos para a obtención do título en Secundaria para Adultos (ESA) e tamén os Ciclos Medios de Administrativo (Administración e Xestión) e de Electrónica (Instalacións de telecomunicación). Esta franxa horaria permite conciliar a vida laboral cos estudos.
Actividades
O IES Escolas Proval leva a cabo un intenso calendario de actividades para complementar a formación do alumnado. O carácter entusiasta e altamente participativo dos seus membros facilita o éxito de iniciativas no centro, como celebracións festivas específicas (Samaín, Entroido, Día do Libro, Día das Letras Galegas), exposicións, conferencias, campionato de xadrez ou excursións e competicións deportivas: saída anual á Serra da Groba, do Galiñeiro, campionatos de hóckey, baloncesto, voleibol, balonmán, ping-pong ou futbito nos recreos e gymkanas. Fanse visitas a museos, observatorios ornitolóxicos, teatros ou concertos. Tamén se organizan charlas, actuacións, talleres de educación viaria ou primeiros auxilios, charlas sobre consumo de drogas ou riscos en internet. E visitas a empresas: Inditex, Porto de Vigo, Zona Franca, Citroën e Marine Instruments. A ANPA tamén colabora en actividades coma os de graduación de final de etapa.
Viaxes de estudos
Realízanse o intercambio con Francia de alumnado de 3º ou 4º da ESO, a viaxe de fin de etapa de 4º de ESO (este ano a Dublín) e o de 1º e 2º de Bacharelato (a Florencia e A Toscana).
Club de Lectura
Forma parte dunha rede de clubs otaku sen esquecer a súa dedicación preferente á lectura de obras de misterio, o que posibilita continuos encontros con alumnado doutros centros. Centrados este curso no teatro, montaron unha obra que van levar a outras localidades. O cinema fórum, concursos de fotografía, concursos literarios ou xogos de rol completan a formación dos lectores afeccionados.
Música
A práctica orquestral e a realización de concertos, tanto no centro coma fóra del, é de suma importancia para o departamento de música. O traballo orquestral non só é un estupendo instrumento de aprendizaxe de contidos estritamente musicais, senón tamén de valores fundamentais para a formación do alumnado como son a responsabilidade, o respecto, a tolerancia, o compromiso ou traballo cooperativo. O alumnado participou coa canción "Natureza Galega" nun disco de alumnado de diferentes centros "Operación Can" , e acadaron o premio no concurso musical Cantalingua para o Correlingua 2010 coa canción "Miraxe", e o Premio Crearte 2011 do Ministerio de Cultura para o proxecto de inclusión social "Os Músicos do Val Miñor", obra de teatro musical.
Premios
Profesores e alumnos viron recompensados os seus esforzos con outros importantes premios.A "Videorockola", invento deseñado e construído no ciclo superior de Mantemento Electrónico, obtivo no ano 2016 o 3º premio nacional á Calidade e Innovación en Orientación e Formación Profesional, outorgado polo Ministerio de Educación.
O alumnado de Robótica de 1º de Bacharelato acadou o 2º premio de Robótica de Galicia, na edición de 2016 do Obradoiro-Concurso organizado pola Fundación Barrié e Igaciencia. Tamén de 1º de Bacharelato eran os alumnos que gañaron os 1º e 3º premios na fase provincial da Olimpiada de Xeoloxía, e o 2º premio na fase autonómica.
Información na Web do centro http://www.edu.xunta.gal/centros/iesescolasproval/
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Sorteo de El Niño 2026
Mapa de localidades premiadas en el Sorteo de El Niño 2026
Sorteo de El Niño 2026
El primer premio del Sorteo de El Niño 2026 deja más de 20 millones en Marín y O Porriño
Sorteo de El Niño 2026
O Porriño reparte 24 millones de euros con el segundo premio del Sorteo de El Niño 2026