MUNDIAL DE TRÍATLON

Prata de Susana Rodríguez no Mundial

A viguesa subiu ó podio na categoría PTVI por detrás da campioa olímpica Katie Kelly

Mabel Gallardo, o adestrador Luis Piña e Susana Rodríguez, coa medalla de prata tras disputar o Mundial.
Mabel Gallardo, o adestrador Luis Piña e Susana Rodríguez, coa medalla de prata tras disputar o Mundial.
Prata de Susana Rodríguez no Mundial

A paratriatleta Susana Rodríguez Gacio subiu onte ó segundo caixón do podio do Campionato do Mundo na proba disputada na cidade de Rotterdam. 
A deportista do club Mar de Vigo compite na categoría PTVI acompañada pola guía Mabel Gallardo. A parella fixo unha competición de gran nivel e, salvo nun pequeno treito do sector de natación, sempre estivo nas posicións de podio durante unha proba que comezou con retraso polo mal tempo.
Ata unha hora foi aprazada a competición antes de comezar. Susana Rodríguez, con Gallardo, saiu do auga na terceira posición acompañada da australiana Kelly e da británica Reid , claras candidatas a rematar nos metais. 
A campioa olímpica Katie Kelly despegouse da viguesa tras a primeira volta da bicicleta, mentres que Melissa Reid perdía moita diferenza nun sector especialmente perigoso polas inclemencias meteorolóxicas. Nesta situación chegaron á carreira a pé, onde Susana Rodríguez conservou a segunda posición sen apuros e marcando un ritmo especialmente rápido, de xeito que aumentou a renda sobre as perseguidoras mentres a campioa olímpica Katie Kelly subiu ó máis alto do podio. 
Ó rematar a competición, Susana Rodríguez expresou que "foron tres días como un pesadelo con final de ensoño. Estou moi feliz e tiña moitas gañas de subir ó podio". 
Sobre a competición, a viguesa manifestou que "saímos con frío do auga e con mistura de cautela e risco fíxemos unha bicicleta estupenda. Teño que felicitar a Mabel Gallardo porque fixo un gran traballo". Deste xeito, remataron na segunda praza.n