LIGA ASOBAL

Pontevedra é dos cangueses

O Frigoríficos, apoiado en Javi Díaz e Suso Soliño, supera ó Teucro e abandona as posicións de descenso 

Os xogadores do Frigoríficos estiveron axudados pola afección do equipos, que desprazouse en masa a Pontevedra.
Os xogadores do Frigoríficos estiveron axudados pola afección do equipos, que desprazouse en masa a Pontevedra.
Pontevedra é dos cangueses

Dezaseis minutos. O encontro de rivalidade entre o Teucro e o Frigoríficos do Morrazo resolveuse onte pola vía rápida. Pasado ó cuarto de hora de partido, o marcador sinalaba un 4-11 esclarecedor, meridiano, contundente e decisivo entre dúas formacións dun nivel similar, pero unha ofreceu onte a súa mellor versión e outra comezou a xogar cando saltou á pista a segunda unidade. 
As bases do Frigoríficos do Morrazo son constantes, desas que permanecen invariables no balonmán e que persisten a cambios tácticos, novos xogadores, modas e evolución. Unha formación solvente ten como piares básicos e irrenunciables a defensa e o rendemento do porteiro. Onte, o 6.0 cangués foi duro e eficaz e Javi Díaz estivo estelar antes do descanso entre paus. Parou practicamente todo o que lle tiraron dende nove metros e sacou varios balóns máis dende seis para rematar cunha eficacia do 50%. Unha barbaridade. 
Ós elementos chaves na retagarda, o equipo de Magí Serra uniulle facetas ofensivas como un ataque intelixente ben dirixido por David Chapela, con boas decisións de Muratovic e, sobre todo, co brazo quente de Suso Soliño. O extremo foi infalible onte dende os sete metros e rozou a perfección dende o seu curruncho. Un único erro en todo o partido para primeiro facilitar a renda do seu equipo e despois mantela. E, para ós afeccionados ó balonmán, cun repertorio técnico de finalización notable, sen estridencias, sen exceso de adornos, pero cun catálogo de recursos case ilimitado.
Marchouse o Frigoríficos ó descanso con oito goles de vantaxe e o Teucro, tras un primeiro tempo pobre, tivo que buscar a reacción e estivo preto de acadala no segundo tempo. En gran medida porque Javi Díaz rebaixou a súa eficacia e tamén porque os locais comezaron a atacar mellor, especialmente da man de Fischer. A isto engadiu que pronto comezou a practicar defensas abertas sobre a primeira liña do Frigoríficos e que Jorge García Lloria, agora na portería, comezou a parar balóns. 
Factores que comezaron a cuestionar a vitoria canguesa, pero a posible remontada case sempre estivo lonxe. Soamente pareceu posible en tres ou catro ocasións ó longo do segundo tempo. A primeira desbaratouna a defensa do Frigoríficos cun roubo en inferioridade; a segunda, cunha parada illada de Javi Díaz, que sacou un balón complicado a Fischer; e as seguintes, de novo cun xogador menos, evitáronas entre o primeira liña Aranda e un Soliño intelixente.
Deste xeito, todos os intentos do Teucro morreron a cinco minutos para o final. Aí quedaba totalmente clara que a vitoria era para o Frigoríficos, que finalmente gañou por 28-34, renda que xa tiña ó cuarto de hora de partido, cando se resolveu un enfrontamento teoricamente igualado, pero con todo o desequilibrio no inicio. 
A táboa clasificatoria deixa ó equipo cangués na antepenúltima posición con sete puntos, os mesmos que o Teucro, penúltimo e en descenso, e un máis que o Alcobendas, que pecha a táboa e xoga hoxe. O Puente Genil, que suma oito, mídese nesta xornada ó líder, o Barcelona.

Condes de Albarei Teucro:
Santana (p), Moyano, Antonio Suárez (2), Samuel Gómez (3), Cutura (6), Gehrhardt, Cangiani (3) –sete inicial– García Lloria (p.s.), Juan Quintas (1), José Rial, Fischer (3), Dani Hernández (4), Pereiro, Remeseiro, Domingo Mosquera (1), Sergio Pérez (5). 
Frigoríficos del Morrazo Cangas:
Javi Díaz (p), Vujovic (1), Suso Soliño (13), David Chapela (4), Maxi Cancio, Gavidia, Dani Cerqueira (1) –sete inicial–, Simes (3), Aranda (5), Galán (p.s.), David Iglesias, Muratovic (2), Mitic, Boisedu (4). 
Parciais:
2-3, 3-6, 4-10, 5-12, 7-14, 8-16 (desc.), 11-19, 15-21, 18-25, 24-29, 25-31, 28-34.
Árbitros:
Alberto García Mosquera e Alberto Rodríguez. Exclusións de dous minutos a José Rial, Santana, Cutura, Cangiani e Domingo Mosquera polo Teucro e a Aranda, Cancio, Gavidia (2), Cerqueira (2) e Mitic polo Frigoríficos.
Incidencias:
Partido disputado no Municipal de Pontevedra. 1.800 espectadores.