BÁDMINTON CTO. MUNDO SUB-15

As Neves, canteira global

Lucía Rodríguez e Basilio Porto disputan dende mañá o Campionato de Europa en Kazán

Lucía Rodríguez, Pablo Méndez (adestrador) e Basilio Porto, tras gañar o Campionato de España.
Lucía Rodríguez, Pablo Méndez (adestrador) e Basilio Porto, tras gañar o Campionato de España.
As Neves, canteira global

Dous xogadores que comezaron coa raqueta de bádminton nunha actividade extraescolar. Como centos ou miles cada ano. Uns anos despois e tras formarse nun club humilde pero traballador de As Neves, Lucía Rodríguez e Basilio Porto disputan dende mañá o Campionato de Europa sub-15 na cidade rusa de Kazán. A 5.000 quilómetros das correspondentes localidades de orixe. 
Pablo Méndez é o adestrador do Bádminton As Neves e explica que "gañaron a praza ó facerse co título no Campionato de España sub-13 do pasado ano. A Federación Española estableceu que os gañadores ían a Rusia no sub-15". Un logro que chegou rápido para dous xogadores que comezaron "nas escolas deportivas que temos nos distintos coles. Basilio é de Ponteareas e Lucía, de Salvaterra. Levan adestrando con nos tres e cinco anos e son os xogadores que temos de referencia no club nas categorías base". 
De feito, Basilio Porto aínda optará a ir ó mesmo torneo en dous anos porque aínda cumprirá 13 anos en agosto. Lucía Rodríguez chegará en marzo ós 14. Xogadores precoces que comezaron a destacar case dende os primeiros días e que agora afrontan o evento de Kazán con diferente perspectiva. Formarán parella no dobres mixto, onde "é complicado porque son menores que os maiores do torneo. Existe diferencia de idade e tamén física porque os rapaces do centro de Europa crecen algo máis, son grandes". Pola súa banda, Lucía Rodríguez tamén disputará o cadro individual feminino e "ten máis opcións porque entra como unha das oito cabezas de serie polos puntos que sumou ó longo do ano. É unha das favoritas, pero despois nunca se sabe", explica o técnico. 
A competición comeza mañá e, no caso de gañar partidos, rematará o domingo. O calendario establece que xogarán dúas rondas eliminatorias ó día como máximo. Estar con vida na xornada final sería loitar polas medallas, un obxectivo que sería superar as mellores expectativas. 
Máis alá do torneo continental, os dous xogadores son verdadeiras promesas do bádminton en Galicia e España. "Lucía é unha xogadora moi completa. É madura en pista para a idade que ten e tanto física, técnica como tacticamente é moi avanzada. Xa con nove anos colleu unha medalla no sub-11 cando todas as rapazas quitábanlle unha cabeza", explica Pablo Méndez e engade que "Basilio Porto é pequeno para a súa idade, pero compénsao co físico. É moi forte e nos test de adestramentos incluso supera nos seus rexistros a nenos de 17 anos. Na pista é do máis pillabán que podes atopar. É moi listo á hora de competir". 
En todo caso, dende a súa entrada no club, os monitores e posteriormente o propio Pablo Méndez gozan con cada sesión de adestramento dos dous cativos porque "son nenos que da gusto adestrar porque pillan todo moi fácil. Exercicios que son complicados os fan á primeira e a evolución é rápida. O que outros tardan dous ou tres meses en perfeccionar, eles o realizan nun par de semanas". 
Iso si, polo de agora, "aínda, non nos gañan ós adestradores, fáltalles un pouco pola forza e así. Pero cada día están máis preto. Ó ir nos maiores e eles crecendo...". 
En todo caso, os dous xogadores xa teñen a súa carreira perfilada tralo Europeo. "Lucía xa vai  adestrar moitas veces a Pontevedra ó Centro Galego de Tecnificación Deportiva, pero ata que teña 15 anos non pode quedar de interna. Basilio é o mesmo, pero ten que esperar máis porque ten un ano menos", indica Méndez. Será cuestión de futuro e de evolución deportiva. Anteriormente, terán moitos torneos que disputar e nos que representarán a un Bádminton As Neves que coida ós seus representantes porque para o club e para a Federación Galega é un logro. Os únicos que metemos a dous xogadores foi o Bádminton As Neves e o club de Oviedo. Estás comparando un pobo de 4.500 habitantes cunha cidade grande, similar a Vigo. O traballo que estamos facendo está indo ben", ratifica Méndez. 
Esta semana, o preparador estará pendente do teléfono e da web do campionato para comprobar a evolución dous seus xogadores no seu debut internacional. É o primeiro torneo para Lucía Rodríguez e Basilio Porto e, probablemente, non será o último. En representación da selección española estará detrás unha pequena localidade na marxe norte do río Miño. Alí existe un club que traballa dende hai anos no bádminton en maiores e tamén en cativos e, de cando en vez, teñen unha ledicia, neste caso, de carácter internacional.n