traiñeiras liga act

Kaiku pesca no Morrazo

Zierbena (fila superior) incorporou a Jaime de Haz e Kaiku fichou a Novais, González, Costa e Miranda.
photo_camera Zierbena (fila superior) incorporou a Jaime de Haz e Kaiku fichou a Novais, González, Costa e Miranda.

O club de Sestao asina a catro remeiros galegos e o vigués Jaime de Haz recala en Zierbena

Un ano máis, os mellores clubs da Liga ACT, agora baixo a denominación de Euskolabel Liga, aproveitan o inverno para sacar as redes e facer a particular faena. Neste caso, a traiñeira que máis e mellor pescou foi un club clásico en renovación como Kaiku, que incorpora ós moañeses Cristofer González e David Costa, a Pablo Miranda de Bueu e o remeiro de Muros residente en Cangas Martín Novais. Todo este grupo de deportistas formouse deportivamente en Tirán Pereira ou Samertolameu, de Moaña. 
Non é a única novidade chamativa porque o vigués Jaime de Haz, que a pasada tempada acadou o ascenso á máxima categoría con Astillero, recalou no potente barco de Zierbena que adestra outro olívico, Juan Zunzunegui. Outro movemento notable dentro do remo moañés é o regreso á máxima competición do histórico Nando Rúa, o canteirán de Tirán e seis veces gañador da Bandeira da Concha, volve ó primeiro nivel tras dous anos retirado en Santurtzi. Será nunha traiñeira adestrada por Iker Zabala, antigo compañeiro de Rúa en Urdaibai. 
Deste xeito, Kaiku pasa de carecer de remeiros galegos a ter catro do Morrazo. Martín Novais explica que "eles remataron un ciclo e comenzan de novo. Como baixou Tirán Pereira, chamáronme e aceptei. É difícil porque tes que facer moitos quilómetros para ir ata alí e, de feito, foi chave ir catro porque de ser eu so, non iría". O club de Sestao pechou o pasado ano a etapa do histórico José Luis Korta como adestrador tras unha tempada dura e con resultados malos, os peores na última década. Por este motivo, "teñen un equipo novo, foi un ciclo que rematou como pasou o pasado ano en Tirán ó baixar. Teñen bastantes deportistas de alí, pero con pouca experiencia e por iso recurriron a nós, querían xente con experiencia no alto nivel. Ó final nós estaremos un ano, dous ou tres, pero serán os de alí os que teñan que soster a medio prazo a Kaiku". 
Deste xeito, o obxectivo da traiñiera pasa por "a permanencia. Iso está claro. Despois, todo o que poidamos facer a maiores, pois será benvido". Tamén establece como meta entrar na final da regata da Concha. E outro dos propósitos dun club histórico e que agora recurre a catro remeiros do Morrazo, todos eles con experiencia na máxima categoría, para incrementar o seu nivel. 
Pola súa banda, o vigués Jaime de Haz ten unha traxectoria completamente diferente porque ata o ano pasado descoñecía o remo en banco fixo. "Comecei en Astillero e ascendimos á ACT. A xente ten medio ó cambio porque a técnica é moi diferente. É preciso facer unha adaptación e creo que a min foime ben". Tras un ano positivo, recibiu a chamada doutro vigués, Juan Zunzunegui, para formar parte de Zierbena, unha traiñeira que perdeu a regata da Concha por menos dun segundo, gañou bandeiras e foi terceiro na ACT de 2018. "A verdade é que non o esperaba. Con soamente un ano de experencia, era moi difícil. Juan coñecíame de antes e supoño que iso axudou". 
O vigués De Haz, que no 2014 foi campión do mundo sub-23 en banco móbíl, recala nunha traiñeira "que aspira a mellorar o do ano pasado. Algo complicado porque os resultados foron moi bos". En todo caso contarán coa súa forza e tamén coas traballadas abdominais. "É o que máis costa porque no remo de banco fixo é todo perna. Ó principio custoume, pero despois xa fun ben". Aínda así o remeiro vigués recorda o primeiro día que saiu a mar aberta con ondas fortes. "É cando precisas abdominais e de todo porque vas inestable. Creo que é unha modalidade máis completa", explica.n

Te puede interesar
Más en Deporte local