XABIER QUIROGA Escritor, presenta a traducción de “Izán o da saca”

“Quedei engaiolado coa relación intensa entre os nazis e Galicia, e como se tentou disimular”

Xabier Quiroga investiga a presenza nazi en Galicia na súa última novela.
photo_camera Xabier Quiroga investiga a presenza nazi en Galicia na súa última novela.

  Xabier Quiroga ven de presentar a súa versión literal ao castelán da súa última novela “Izan o da saca” (2016), que sae ao mercado baixo o título “La casa del nazi”.

Trátase dunha traducción de Isabel Soto, na que o autor colaborou activamente, aínda que o propio Quiroga aconsella aos galegos ler a obra orixinal: “Dou protagonismo a personaxes propios da terra e a fala da Ribeira Sacra, pretendo transmitir ese xeito de comunicarse da xente da terra”, indica o escritor ao comezo da entrevista na que presenta a súa novela aos lectores de Atlántico.

Por que escolleu o nazismo para contextualizar este proxecto?
Foi casualidade, froito dunha pequena anécdota. Caeu nas miñas mans o libro de Eduardo Rolland, “Galicia en guerra”, de Xerais. Quedei engaiolado co tema, coa relación intensa entre os nazis e Galicia. Iniciei un traballo de campo, percorrendo os distintos escenarios como as minas de Wolframio, o mosteiro de Samos ou o Córneas. Lín libros, procurei na internet e discutín moito. Estaba claro  a convivencia pero o que máis me interesou foi cando se tentou disimular despois. Decateime que aquí podía saír unha ou varias novelas.
Canto tempo hai detrás deste proceso de documento?
Dous anos e medio. Son un escritor de ritmo lento e pausado. Non teño que ter un orixinal cada seis meses, polo que lle adico tempo. De feito cando mandei o escrito á editorial, pedino de novo para darlle unha volta.
Na súa investigación, deu con alguén que vivira en primeira persoa a presenza alemá en Galicia?
Hai xente moi vella que o lembra, pero existe recelo a falar dos nazis. É o costume agochar certas ideas, xa que foron os perdedores. Mais quedou constancia de que residiron en poboacións galegas e que tiñan trato coas mellores familias. Estiveron moi vencellados as minas de wolframio, que tiña a súa porta de saída por Vigo, onde a súa influencia foi maior, aínda que estiveron diseminados polo país.
A obra está clasificada como novela negra. Era esa a súa intención?
Agora os xéneros teñen fronteiras. A trama aborda uns sucesos acontecidos que saen a luz coa investigación da historia dunha familia que se pode ver salpicada polo seu pasado.
Antes dixo que os nazis en Galicia podía dar para varias histramas. Haberá segunda parte?
Aínda que nun principio ábrense moitas historias fragmentadas, todo queda pechado ao final. Non creo que haxa continuación, o que é posible é que retome ao personaxe Reiniña para outra investigación. Xa apareceu noutras novelas e os lectores gústalles. Resulta atractivo.
Con “Izan o da saca” (“La casa del nazi”) obtivo o premio Arzobispo San Clemente. Son importantes os galardóns para os escritores?
Xa non participo en concursos, sempre me deron os premios á marxe. O caso do San Clemente foi o que máis me sorprendeu, xa que o fallou un xurado xuvenil. Un galardón sempre axuda, a lo menos fai sentir satisfacción, pero o que realmente pretendo como escritor é ter lectores, e se se pode, traducir a novela a outro idioma, como neste caso, mellor.n

Te puede interesar