vigo

“Nunha maleta caben todos os ventos”, premio Vigo Histórico

María del Carmen Pereiro Oliveira gana el certamen de relatos Vigo Histórico
photo_camera Os organizadores

O certame, que cumpriu a tercera edición, elixiu tamén cinco accésits nunha difícil deliberación pola calidade

nnn "Nunha maleta caben todos os ventos", de María del Carmen Pereiro Oliveira, é o relato gañador da terceira edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira e patrocinado polo Concello de Vigo e a empresa Tressis. É a primeira vez na curta vida deste certame que o relato gañador está escrito en galego e que a vencedora é unha muller.
O xornalista Jacobo Buceta, como membro do xurado, foi o encargado de dar a coñecer o nome dos premiados. Curiosamente, entre os asistentes ao acto (ao que se invitara a todos os participantes) atopábase a vencedora do certame, que non puido ocultar a súa ledicia e sorpresa.
Os accésits foron para "Sereo" de Pilar Ortega Pereiro; "Xente do mar", de Lidia Gregorio Selas; "El florón", de María Comesaña Romero; "Charcos", de Miguel Pereira Rodrigo e "La chica del violonchelo" de Urbano Barrios Santamaría.
O responsable da Editorial Elvira, Javier Romero, indicou que despois de tres anos de vida do certame “xa temos máis de 500 traballos sobre Vigo e podemos dicir que xa cumprimos os nosos obxectivos, que eran dar a coñecer a nosa cidade e dar participación á xente".
O alcalde de Vigo , Abel Caballero, felicitou á gañadora  e dixo que “o título é verdadeira poesía” e a todos e todas as participantes porque “cando escribes, ese relato é unha parte de nós, tanto do autor como da cidade”.
Pola súa banda, Sara Alonso, delegada da empresa Tressis en Galicia, manifestou a ledicia da súa empresa por ser partícipe deste proxecto porque “Tressis é unha empresa que desenvolve o seu traballo en Vigo para toda Galicia”.
Jacobo Buceta explicou as dificultades que atopou o xurado para decidir os gañadores: “Foi unha moi dura deliberación, que nos obrigou a ter máis reunións das previstas para poder decidir o nome do primeiro premio”. Jacobo indicou que houbo un nivel altísimo e que puideron gozar con máis de 200 historias de viaxes, de ciencia ficción, cómicas, amorosas, que “nos permitiron viaxar dunha forma diferente por Vigo”.
En total presentáronse 203 traballos, pero non foron admitidos 33 por non cumprir as bases do concurso (principalmente por non desenvolverse a acción na cidade de Vigo). Desta forma, dos 170 relatos admitidos, 136 foron escritos en castelán e 34 en galego. 
En canto a xénero, bastante igualdade, aínda que houbo máis participación masculina: O 57 por cento dos candidatos ao premio son homes e o 43%, mulleres.
Sobre a procedencia dos relatos, hai participación de case todas as comunidades autónomas, aínda que por suposto Galicia é a que conta con maior participación, e de forma moi especial Pontevedra e a cidade de Vigo. Ademais, recibíronse relatos de diferentes países, cunha maior presenza de países latinoamericanos. Así hai relatos procedentes de Arxentina, Venezuela, Cuba, Chile, Nicaragua, Colombia, República Dominicana, Costa Rica e tamén desde Holanda. n

Te puede interesar