Premios Xerais

María Reimóndez gaña o Xerais de novela con “Dende o conflicto”

Eduardo Santiago, María Reimóndez e Ledicia Costas, camiñando polo Paseo dos Buxos, na illa San Simón, onte tralo acto de entrega dos Premios Xerais.
photo_camera Eduardo Santiago, María Reimóndez e Ledicia Costas, camiñando polo Paseo dos Buxos, na illa San Simón, onte tralo acto de entrega dos Premios Xerais.

Eduardo Santiago e Ledicia Costas fanse cos premios de literatura xuvenil e infantil

A illa de San Simón acolleu onte o fallo das tres categorías dos Premios Xerais, dotadas cada unha con 10.000 euros. O xurado outorgou o de Novela a escritora residente en Vigo, María Reimóndez (Lugo, 1975) por “Dende o conflicto”; o Jules Verne de Literatura Xuvenil a Eduardo Santiago (Pontevedra, 1964) por “O gran reino”, e o Premio Merlín de Literatura Infantil, a Ledicia Costas (Vigo, 1979) por “Escarlatina. A cociñeira defunta”.
Ao coñecer a decisión do xurado, Reimóndez declarou que “recibir este premio nesta altura supón cumprir un dos soños máis importantes como autora; primeiro porque Xerais é o meu fogar literario ao que me unen fondos vínculos de afecto, e segundo, porque é outorgado por persoas que len, que teñen un criterio propio e único cada ano”. Reimóndez afirmou ver nesta distinción “un recoñecemento á miña maneira de estar en sociedade como autora e un pulo aos meus esforzos por facer da escrita unha ferramenta de transformación social”. 
Da súa novela dixo que “se mergulla na complicada vida dunha xornalista de guerra, Saínza Combarro, e a través dela fálase da importancia do xornalismo nas situacións de conflito, mais sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas”.
Pola súa banda, Eduardo Santiago confesou ter vivido unha semana de incertezas: “Cando soube que ‘O gran reino’ era finalista, tiven a sensación de que eu escribira a novela gañadora, mais ao pouco decateime de que, posiblemente, os outros dous finalistas pensarían o mesmo”.  Asegurou que saber o resultado “foi como unha liberación, a confirmación de que é unha historia que paga a pena ser publicada”. Santiago afirmou que escribíu ‘O gran reino’ como unha reacción ás novelas de mundos paralelos xurdidas no século XXI: “A idea deuma a miña filla Raquel, unha auténtica fonte de inspiración para min, que tamén estaba farta de ler sempre a mesma historia con distintos personaxes; ocorréuseme que había un certo paralelismo co que acontecera a finais do século XVI coas novelas de cabalerías”. Definíu ‘O Gran Reino’ como unha ficción na que se narran acontecementos reais, durísimos, mesturados con fantasías marabillosas, que “farían as delicias de autores como Lewis Carrol”, concluíu.
Por último, Ledicia Costas confesou que “gañar o Premio Merlín supón unha recompensa a moitos anos de traballo; é o premio  da editorial que confiou en min cando só era unha adolescente, apostando pola miña obra, ‘Unha estrela no vento’; precisamente por iso este recoñecemento é para min tan especial”  
De “Escarlatina, a cociñeira defunta” di que “é fundamentalmente un libro de humor; quixen facer do macabro algo divertido, desmitificando a morte e o seu significado”. Asegura que cando comezou a escribir, “pensei no libro que a min me gustaría ler se fose unha nena e apostei polo mundo da cociña, emprendendo unha ruta gastronómica polo Máis Alá”.n

Te puede interesar