Xulia Alonso, Galega Destacada por plasmar os anos da droga
O colectivo Diálogos 90 entregou onte este galardón, que apela ao espírito de Concepción Arenal, á autora de “Futuro Imperfecto”
Na década de 1980 a moita xente nova en Galicia a súa adolescencia e mocidade lles sorprendeu en pleno auxe da heroína e da sida. Sobrevivinte daquela época é Xulia Alonso (A Rúa, 1961), autora do libro “Futuro Imperfecto” (Galaxia, 2010), que acaba de ver a luz en edición en castelán con prólogo da directora de cine Carla Simón. Esta escritora é a nova galardoada co premio Galega Destacada, que dende hai 35 anos entrega por estas datas o colectivo Diálogos 90, coincidindo co aniversario do pasamento da pensadora e xurista Concepción Areal.
Xulia Alonso recoñeceu que o libro non foi escrito para ser publicado, senón para “consumo familiar”, e por iso agradeceu ao seu editor, Víctor F. Freixanes, e á comunidade educativa por faceren posible a difusión de “Futuro Imperfecto” entre a rapazada, hoxe allea a aquel fenómeno da droga. “O libro só me trouxo alegrías e me axudou a vivir”, confesou. Tamén, neste senso, se acordou da sanidade pública na súa loita contra o VIH e a sida. Finalmente, dedicou o premio de Galega Destacada a todas as mulleres da súa vida, especialmente á súa filla Lucía, á súa neta Rosa e a súa nai, recentemente falecida.
O galardón, como xa é tradicional dende hai uns anos, entregouse nun acto celebrado no Pazo de Castrelos, con presencia do alcalde, Abel Caballero, de todas as concelleiras do goberno municipal e das autoridades militares da cidade. Previamente, houbo unha ofrenda floral no Cemiterio de Pereiró perante o monumento funerario a Concepción Arenal.
Xa en Castrelos, a presidenta de Diálogos 90, Marita Vázquez de la Cruz, nun divertido alegato ao que xa ten afeitos aos asistentes a este acto, fixo un pequeno apuntamento sobre a penalista ferrolana, da que aproveitando a ausencia, este ano, do seu tataraneto, Federico Cantero, chanceou co feito de que era “un pouco túzara”. Sobre Xulia Alonso, destacou o seu poder de “interpelar” á sociedade.
Diálogos 90 é un colectivo que naceu como un foro de mulleres de tendencia feminista. Onte, o alcalde, Abel Caballero, fixo un chamamento para a continuidade desta iniciativa. Tamén avogou pola presencia da muller en todos os ámbitos, como é o caso da astrofísica Ana Ulla, presente onte en Castrelos, ou da enxeñeira Carmen Misa, do CERN.
Tamén tivo palabras para a nova Galega Destacada e, tras lembrar a Carmen Avendaño, impulsora de Érguete, asegurou que “os que estean presos da droga, que saiban que hai esperanza”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ENCUESTA EMPRESARIAL CÍRCULO 2025
Empresarios gallegos prevén un año complicado y con menos ganancias