Xerais chama a coidar o galego na súa gala de premios

Premios Xerais 2024

Abel Tomé, Raquel Fernández e Marta Villar recolleron os seus galardóns nunha velada que tivo lugar no Museo do Mar

Raquel Fernández ("I'm Obélix", Premio Literatura Xuvenil), Marta Villar ("Detective Ferruchi", Premio Xerais de Novela) e Abel Tomé ("Milú e o edificio das persoas extraordinarias", Premio Literatura Infantil), con cadanseu premio.
Raquel Fernández ("I'm Obélix", Premio Literatura Xuvenil), Marta Villar ("Detective Ferruchi", Premio Xerais de Novela) e Abel Tomé ("Milú e o edificio das persoas extraordinarias", Premio Literatura Infantil), con cadanseu premio.

Abel Tomé, Raquel Fernández e Marta Villar recolleron onte o Premio Merlín de Literatura Infantil, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Xerais de Novela, respectivamente, nunha gala celebrada no Museo do Mar. As súas obras “Milú e o edificio das persoas extraordinarias”, “I'm Obélix” e “Detective Ferruchi” recibiron este recoñecemento nunha festa na que a importancia de coidar o galego tivo un papel central.

Abel Tomé recolleu o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil agradecendo ao xurado “por descubrir certos matices da obra que eu non vin”. Tamén valorou o traballo da ilustradora Laura Romero, “tan fermoso e artesanal”.

Raquel Fernández Fernández foi a gañadora do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por “I’m Obélix”, unha novela coral que retrata o acoso a un neno nun instituto. Sobre ese protagonista de 13 anos con TDAH chamado Isma, a autora expresou a súa intención de “que todo o mundo saiba que non é vago, nin maleducado, nin parvo, simplemente funciona doutra maneira”

“Detective Ferruchi”, de Marta Villar, acadou o XLI Premio Xerais de Novela. Trátase dunha novela en ton paródico que segue as pescudas tras un asasinato. A autora falou no seu discurso da idea da literatura como un acto máxico.

No seu discurso, o director de Xerais, Fran Alonso, fixo referencia aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que amosan un gran retroceso no uso do galego, sobre todo entre a xente nova. Expresou a súa preocupación pola perda de falantes e a invisibilidade do libro galego e reclamou medidas eficaces contra esta situación. “A lingua é un patrimonio inmenso, un patrimonio monumental que, por certo, non ten ideoloxía e precisamente por iso todas e todos debemos coidar, persoal e socialmente”, explicou.

Ademais, no acto proxectouse un vídeo de Chus Pato recitando un dos poemas de “Sonora”, o libro editado por Xerais polo que acadou o Premio Nacional de Poesía 2024.

Contenido patrocinado

stats