A voz de Xesús Alonso Montero canta ao ‘micho’ de Neira Vilas
O Ateneo Atlántico celebrou onte unha homenaxe íntima ao escritor coa intervención dos seus fillos e amizades
O Ateneo Atlántico celebrou onte na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios un acto de homenaxe ao profesor e intelectual Xesús Alonso Montero, recentemente falecido en Vigo aos 97 anos.
A homenaxe desenrolouse como un percorrido coral pola traxectoria e o legado do ensaísta, catedrático e ex presidente da Real Academia Galega. Abriu o acto unha peza musical dedicada ao seu fillo, guitarrista, nun xesto que combina lembranza familiar e recoñecemento cultural. A continuación interviron, por orde alfabética, Xina Vega, Patricia Arias, Estro Montaña, José Gómez Alén e César Cunqueiro.
O peche do encontro reservou un momento sorpresa, ao descubrirse unha grabación inédita de Xesús Alonso Montero cantando o poema “O micho”, de Neira Vilas, acompañado polo seu fillo, ‘Cuchús’ Pimentel, á guitarra.
Xesús Alonso Montero finou en Vigo o 12 de febreiro e foi unha das voces máis influentes da filoloxía e da sociolingüística galega contemporánea. Catedrático de Literatura Galega, investigador e conferenciante, desenvolveu unha ampla obra centrada na literatura galega, española e portuguesa, así como na poesía popular e nos estudos sociolingüísticos. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017 e membro do Consello da Cultura Galega.
Comprometido politicamente desde a súa mocidade, militou no Partido Comunista desde 1962 e presidiu o Foro pola Memoria Republicana de Galicia. En 2025 doou o seu arquivo persoal á Fundación Penzol.
Contenido patrocinado
También te puede interesar