A viva pegada da Begoña Caamaño moza no Calvario

O IES Castelao recordou á homenaxeada nas Letras Galegas con recordos da súa irmá e amigas da infancia e adolescencia

A viva pegada da Begoña Caamaño moza no Calvario | Vicente Alonso

O IES Castelao lembrou onte á figura de Begoña Caamaño, homenaxeada neste 2026 polo Día das Letras Galegas, que deu os seus primeiros pasos na vida no barrio do Calvario. A apertura do acto correu a cargo do alumnado de música de Josefa Fernández, que interpretou “Le petit cheval” de Georges Brassens, canción coa que María Xosé Queizán ensinou a Begoña “música, poesía e francés”.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, destacou a relevancia da obra de Begoña tanto na literatura como no xornalismo. “A academia propoñémola pola súa obra literaria, pero é a sociedade galega quen a celebra. Son dous libros, cheos de beleza e imaxinación, fachos que iluminan a literatura galega”, apuntou Monteagudo.

Para Cándido Paniagua, director do IES Castelao, o acto foi unha experiencia pedagóxica. “Conseguimos mobilizar a toda a comunidade educativa, para que o alumnado entenda que a lingua galega non é un coñecemento abstracto, senón unha ferramenta de pensamento”, afirmou Paniagua.

Marcos Calveiro, editor, centrouse na pulsión de Begoña pola escrita. Destacou a súa capacidade de transformar a realidade e imaxinar futuros, citando a propia Caamaño: “Escribo porque leo, leo porque quero cambiar o mundo, facelo habitable”. Para Calveiro “esa mirada naceu no Calvario, a súa primeira Atenas”.

No desenlace, interviron tres das amigas de infancia de Begoña. An Alfaya lembrou os tempos de Begoña na adolescencia, cando estudiaban no Alexandre Bóveda e paseaban por Coia. “Era unha rapaza luminosa, sempre na primeira fila das iniciativas activistas”, sinalou a tamén escritora, que puxo de exemplo a protesta contra a suba do billete do Vitrasa nos 80 na que participaron, “fumos detras dela, como se fora a flautista de Hamelín”. An Alfaya tamén tivo para recordar o primeiro desamor de Begoña, aínda que non entrou en detalles pola súa intimidade.

Su Garrido Pombo, tamén veciña do Calvario, evocou o día a día no barrio na infancia. Recordou a súa paixón polos libros e a lectura, “na rúa Portela, no número 6, estaba o ceo no primeiro piso, a biblioteca, onde limos os clásicos, e o inferno no baixo, os recreativos Flipper, onde xogabamos o Tetris”, recordou Garrido.

Maika Aguado apuntou que para ela falaba de Begoña dende a perspectiva dunha amiga íntima, case “como unha prima”. “Era unha nena excepcional, cunha imaxinación desbordante, capaz de ver a realidade doutro xeito”, indicou Aguado. “Sempre recordarei os veráns en Samil, na finca do veciño, xogando a conquistar territorios como heroínas de películas. Ela quería ser o heroe, resistíase a aceptar papéis secundarios, cun impulso de avanzar aínda sen saber cara onde”. O acto completouse cunha proxección de vídeos do alumnado, recorrendo os escenarios da vida de Begoña, incluído os restos da casa na que viviu na rúa Cataluña, hoxe derruída.

Contenido patrocinado

stats