Fornada de novidades literarias polas Letras de Begoña Caamaño

Literatura

Galaxia reedita as obras da viguesa e publica novas obras sobre a autora; Xerais lanza dúas biografías adaptadas para a rapazada

Begoña Caamaño na Radio Galega.
Begoña Caamaño na Radio Galega. | Diario Cultural

As Letras Galegas 2026 traen consigo unha ampla fornada de novidades literarias arredor de Begoña Caamaño, autora viguesa homenaxeada este ano. As editoriais aproveitan a ocasión para reeditar títulos centrais da súa obra, publicar novas creacións inspiradas na súa figura e adaptar o seu legado á nenas e nenos, con obras que van dende literatura a ilustración e, tamén, propostas escénicas.

Editorial Galaxia aposta pola recuperación das dúas obras publicadas de Caamaño, como “Circe ou o pracer do azul” e “Morgana en Esmelle”, novelas nas que Caamaño devolve voz a personaxes femininas silenciadas. A estas súmanse títulos que profundan na súa vida e compromiso cultural, como “Biografía de Begoña Caamaño”, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira, e “Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía”, de María Xosé Porteiro. Para o público escolar, Galaxia presenta “Bego e o mundo do revés”, de Iria Collazo López, que achega aos lectores máis novos á infancia da autora, e o espectáculo musical “Chaves invisibles”, adaptado por Vero Rilo con música de Luís Iglesias, pensado para Educación Primaria.

Editorial Xerais suma á celebración dúas propostas centradas na rapazada. “Os fíos de Begoña”, de Eva Mejuto con ilustracións de Nuria Díaz, é un álbum ilustrado que percorre a vida de Caamaño desde a infancia ata o seu papel clave na radio, a literatura e o activismo. “Begoña ou o pracer da amizade”, de Beatriz Maceda, é unha biografía novelada na que catro voces míticas –Circe, Penélope, Morgana e Xenebra– contan a vida da autora, resaltando amizade, memoria e igualdade.

Con esta fornada de publicacións, Galaxia e Xerais convidan a lectores de todas as idades a mergullarse na súa obra.

Contenido patrocinado

stats