Vilavedra avoga pòla actualización do Consello da Cultura Galega
A viguesa, nova presidenta da institución, aposta por intensificar a relación os seus correspondentes en Cataluña e en Euskadi
“Farei visible o compromiso desta institución coa sabedoría, a capacidade de análise e reflexión, o espírito crítico e o valor do coñecemento científico”. Así, a nova presidenta do Consello da Cultura Galega, a viguesa Dolores Vilavedra, expresaba onte a vontade do seu mandato tralo seu nomeamento. O Pleno da institución votou favorablemente a súa candidatura, a única presentada trala finalización do segundo mandato de Rosario Álvarez. A presidenta electa do CCG xa desempeñaba a vicepresidencia da institución desde 2024 e ten unha longa traxectoria na mesma, onde foi secretaria e coordinadora de diferentes comisións e seccións.
Vilavedra comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución. O seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia e, posteriormente, publicado no Diario Oficial de Galicia. Tras o seu nomeamento oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da Comisión Executiva por proposta da presidenta.
A nova presidenta do CCG apuntou a unha “consciente actualización do papel e das funcións dunha institución que se encamiña cara aos 50 anos”. Nese sentido, destacou que potenciará o traballo en equipo en distintos niveis e fortalecerá as relacións institucionais dentro e fóra de Galicia. Na acción exterior, piar fundamental da institución, intensificará tamén as relacións co Etxepare Euskal Institutua e co Institut Ramon Llull.
Vilavedra salientou que o camiño percorrido polo CCG “no fomento do diálogo entre a cultura humanística e a científica xa non ten volta atrás” e asegurou que procurará manter a diversidade disciplinaria que caracterizou a institución desde a súa creación, así como unha aposta decidida “pola divulgación e pola excelencia”.
Vilavedra apuntou tamén que outro dos grandes obxectivos será chegar a novos públicos, especialmente ás xeracións máis novas. Ademais, expresou a súa preocupación polas desigualdades no acceso á cultura e polos atrancos que determinados novos grupos cidadáns poden atopar no achegamento á lingua e á cultura galegas. “Garantir o seu dereito a ser galegos e galegas de pleno dereito tamén nas prácticas culturais debería constituír unha prioridade nos vindeiros anos”, concluíu. Subliñou a importancia de reforzar o papel asesor da institución e anunciou medidas como o fortalecemento do Observatorio da Cultura Galega e a elaboración dun plan de dixitalización progresiva dos fondos do CCG, tanto dos distintos arquivos como dos legados que a institución recibe de maneira continuada.
Contenido patrocinado
También te puede interesar