Uns 300 científicos reuniranse en simposio da ONU sobre mudanza climática
Ao redor de 300 científicos participarán no próximo mes de novembro en Vigo nun simposio sobre mudanza climática do grupo intergobernamental da ONU.
É a única reunión en Europa deste grupo, o IPPC (Panel Intergobernamental de Mudanza Climática), que prepara o seu próximo informe de avaliación sobre a mitigación da mudanza climática.
Na organización deste foro colaboran a Universidade de Vigo e o centro investigador 'Economics for Energy'. Así mesmo, o conclave conta co apoio do ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
Segundo explicou nunha rolda de prensa o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a cidade galega será o 'lugar de referencia para o mundo no debate sobre mudanza climática' grazas a este simposio, que decorrerá entre 3 e 9 de novembro.
Mato destacou que este encontro é 'unha maneira importante de que se coñeza a Universidade de Vigo no mundo'.
Pola súa parte, o responsábel do 'Economics for Energy', Xabier Lavandeira, destacou que o informe que se elaborará coa contribución dos académicos reunidos en Vigo será o quinto dos elaborados polo IPCC, coa previsión de que a súa publicación sexa efectiva ao longo de 2014.
'Esta reunión é moi importante para Vigo, Galicia e España', resaltou Lavandeira, quen precisou que, entre os aspectos que se debaterán, están temas como as políticas climáticas nacionais e tamén 'a nivel global', analizando 'como foron deseñadas' e 'os seus efectos' na redución de emisións.
Engadiu que o informe elaborado será 'transparente' e que estará enriquecido polas achegas dos participantes.
Lavandeira manifestou que estes informes 'teñen influencia' nas negociacións sobre mudanza climática, como documentos 'científicos, dun grupo intergobernamental'.
Todas as reunións terán lugar no Centro Social Novacaixagalicia e na sede viguesa da Fundación Barrié.
O encontro está apoiado economicamente pola fundación Barrié, o Centro Vasco para a Mudanza Climática e a fundación Ramón Areces.
Contenido patrocinado
También te puede interesar