Toda unha vida en apenas dez carteis
Educación
O IES Castelao deseñou a exposición sobre Begoña Caamaño que se levará a todos os institutos de Galicia
Cada ano, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas (adicadas en 2026 á viguesa Begoña Caamaño), as consellerías de Cultura e Educación reparten por todos os colexios, institutos e bibliotecas públicas da comunidade autónoma unha exposición dunha decena de carteis con todo tipo de material didáctico sobre a persoa homenaxeada que corresponde. O obxectivo é que todos os centros educativos galegos dispoñan dunha importante base de referencia coa que poder explicar a alumnos de todos os niveis a vida, obra e relevancia dos homenaxeados de cada ano. Para facelo, convócase un concurso entre todos os centros educativos de Galicia do que saen dous gañadores: un na categoría de Educación Infantil e Primaria e outro, na de Secundaria, Formación Profesional e demais formación non universitaria. Nesta última, fíxose coa victoria o IES Castelao de Vigo por terceira vez en catro anos tras ter deseñado tamén os carteis-exposición de Francisco Fernández del Riego (2023) e as cantareiras (2025).
O seu director, Cándido Paniagua, e as docentes Chus Ferrín (encargada da parte plástica) e Mónica Soto (encargada dos textos dos carteis e de parte da unidade didáctica que os acompaña), aseguran en declaracións a este xornal que como a homenaxeada de 2026 foi veciña do Calvario, “tiñamos que facelo”. E fixérono baixo a coordinación do docente Ramón Nicolás, que hoxe mesmo presentará no centro un libro sobre a infancia de Caamaño no devandito barrio.
Dende o mes de xuño, cando se coñece o nome da homenaxeada e Ramón Nicolás comeza os seus traballos de investigación, ata o mes de decembro, “incluídas as vacacións de Nadal”, un grupo de once docentes deste instituto púxose mans á obra para condensar a vida e obra de Begoña Caamaño en dez carteis que, de gañar o concurso –como así ocorreu–, ían ser expostos en todos os centros educativos galegos. A maior parte dos esforzos condensouse entre setembro e decembro e cun importante papel dos alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, en especial os tutorandos de Ramón Nicolás, os rapaces de 4º da ESO que están dentro do Programa de Diversificación Curricular (PDC): “Son un grupo pequeno, de apenas dez alumnos, e trabállase moi ben con eles”, sinala o director do centro.
Unha autora urbanita
Logo de examinar a vida e obra de Begoña Caamaño, os docentes do IES Castelao chegaron á conclusión de que as cidades que marcaron a súa vida tiñan que estar moi presente nos carteis: “A parte plástica centrámola nas arquitecturas dos lugares por onde estivo a autora”, relata Chus Ferrín, “Ramón Nicolás contounos moitas anécdotas, como que a súa casa foi partida en dous, e fixo moito fincapé en percorrer o barrio e poñerlle nome aos sitios polos que ela pasou”. Mónica Soto salienta que ao tratarse dunha autora “urbanita”, este eixo temático tiña moito sentido.
Unha vez decidida a liña estética dos carteis, tocou repartir a vida e obra da autora en dez bloques, unha das tarefas máis laboriosas: “Cada cartel ten un bloque informativo e na unidade didáctica que acompaña á exposición hai diferentes actividades deseñadas para afondar neles. Algúns están centrados en barrios ou cidades que marcaron a súa vida e outros nas súas obras e aspectos como o feminismo ou o xornalismo, nos que ela foi referente”, explica Soto.
Ademais, estan acompañados –e integrados a través de códigos QR– de numerosas pezas audiovisuais que conteñen dende as cancións favoritas de Caamaño interpretadas polo alumnado ata entrevistas a persoas que a coñeceron. “Un dos meus vídeos favoritos é o que fixemos con todas as amigas dela que seguen vivas”, comenta Paniagua.
Para os docentes deste instituto é todo un “orgullo” ter gañado este concurso en tres veces case consecutivas. “Somos o único centro de toda Galicia que o logrou”, presumen.
Contenido patrocinado
También te puede interesar