Vigo abrirá as homenaxes a Begoña Caamaño polas Letras Galegas
Literatura
O CEIP O Pombal acollerá a presentación da Primavera das Letras, cunha obra de teatro inspirada na obra de Begoña
O calendario de actos presenciais da Real Academia Galega dedicados á divulgación da figura e da obra da viguesa Begoña Caamaño, homenaxeada este 2026 no Día das Letras Galegas, comezará na cidade o 2 de marzo no CEIP O Pombal. Da man da comunidade educativa deste colexio vigués, a institución presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, Primavera das Letras (primaveradasletras.gal). Nesta ocasión, a convidada a lles presentar a protagonista das Letras Galegas aos nenos e nenas é An Alfaya, que escribiu un texto teatral inspirado no universo vital e literario da homenaxeada que ilustra Laura Romero, pensado tanto para a representación dentro e fóra das aulas coma para a lectura individual e ou dramatizada en grupo.
Vigo será tamén o escenario que acollerá en outono o Simposio Begoña Caamaño, un foro para profundar nas novas lecturas e análises do legado intelectual da homenaxeada, “que sen dúbida han impulsar estas Letras Galegas”, informan dende a RAG.
O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, María López-Sández, acompañados de Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada, deron a coñecer onte a programación da celebración das Letras Galegas 2026, que a institución abriu a comezos de xaneiro na Rede coa posta en marcha do sitio web sobre Begoña Caamaño.
Monteagudo animou a toda a sociedade a coñecer unha escritora que merece “un espazo destacado” na historia da narrativa galega contemporánea, creadora dunha obra “moi ambiciosa no literario pero tamén tremendamente sedutora”, e Beatriz Caamaño puxo tamén o acento nos temas da súa escritura. “Os seus contidos son fundamentais no momento social que estamos vivindo. “Creo que todo o mundo debería achegarse ao feminismo e ao concepto da xustiza a través de Begoña Caamaño”, compartiu. A irmá da autora agradeceu ademais a homenaxe da RAG, que supón “unha oportunidade de difundir a obra de Begoña Caamaño e tamén de revivila, de reencontrármonos novamente con ela”.
“Despois da excepcional acollida da celebración das cantareiras e a poesía popular oral, volvemos celebrar unha escritora; regresamos ao pracer da lectura, que con Begoña Caamaño é tan intenso coma o pracer do azul que agardaba volver gozar a súa Penélope”, salientou Monteagudo.
María López-Sández pon tamén o acento na “talla literaria, a potencia narrativa, a fasquía lingüística e o coidado estilístico” de Begoña Caamaño canda a súa capacidade para construír un legado orixinal partindo de dous grandes piares da tradición.
Un documental achegará a súa vida e obra ó público
A RAG mantén ademais a aposta polo audiovisual que iniciou en 2021 coa serie web sobre Xela Arias. Con Damián Varela e Alba López Álvarez á fronte da dirección, no canto de varios episodios de curta duración, o relato documental sobre Begoña Caamaño presentarase nesta ocasión nunha única peza de maior duración. Preténdese así facilitar a súa difusión en distintos contextos, entre eles o dos institutos de secundaria, aínda que será, como nas anteriores ocasións, unha creación concibida para un público amplo no rango de idades.
Os que si se dirixen especificamente á mocidade son os vídeos curtos arredor da obra de Caamaño que, cun xeito máis desenfadado, a Academia ofrecerá nas súas redes sociais. Outra novidade co público novo como destinatario será o primeiro videopódcast da RAG, no que creadoras de distintas xeracións reflexionarán arredor de temas chave de Caamaño.
No caso da cidade onde Caamaño se fixo escritora, Santiago de Compostela, esta acollerá o pleno extraordinario da RAG do 17 de maio na súa honra. As alocucións académicas correrán a cargo de Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas e Ana Romaní.
“Na RAG deseñamos unha programación que procura como obxectivo final ese acto íntimo, pero partindo da celebración colectiva dunha autora na que simbolizamos a capacidade de crearmos literatura de alta calidade, desde unha ollada galega mais universal. Como institución académica, promoveremos tamén novas olladas da crítica literaria á escritura de Begoña Caamaño, que dalgún xeito anticipou no noso panorama vieiros anovadores que están a ser moi frutíferos na actualidade”, explicou Henrique Monteagudo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar