A ubicación da imprenta Compañel, un debate aberto
Cultura
Dúas placas reclaman a localización do prelo que editou “Cantares Gallegos”, de Rosalía, aínda que podería ser nun terceiro local
Polo Día de Rosalía de Castro, cada 23 de febreiro réndenlle homenaxe na Rúa Real, número 12. Un letreiro lembra que nese local editouse o 17 de maio de 1863 a súa obra “Cantares Gallegos”, unha publicación que marca o inicio do Rexurdimento. Pois as últimas investigacións veñen a sinalar que nin a data foi esa, nin o lugar está correcto.
Mentres o día exacto da saída do prelo descoñécese, aínda que se supón algo posterior, xa que o 17 corresponde coa adicatoria, á localización da sede da imprenta de Juan Compañel saíronlle varias candidatas: A considerada ata hai uns anos e sinalada oficialmente, no número 12; a que ten máis opcións, no número 21, onde hai un rótulo elaborado artesanalmente e unha terceira opción, que suma a posibilidade nos portais 28, 24 ou 14. “Para Vigo e para nós é un detalle importante saber o lugar exacto, non só por ser a imprenta de Murguía, senón porque Rosalía pasou no piso superior varias semanas”, apuntou Anxo Angueira, filólogo e presidente da Fundación Rosalía de Castro.
En 2013, os actos do 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” centráronse en Vigo. Xa entón o historiador Xurxo Martínez apuntou que a ubicación estaba errada e dende a Fundación planearan o cambio de placa, que finalmente se freou. A variación no xeito de enumerar e os distintos traslados da imprenta dentro da mesma rúa contribúen a unha confusión que perdura hogano.
“Cando Álvarez Blázquez e Lalo Vázquez Gil escollen o lugar para colocar a placa polo centenario da primeira edición de ‘Cantares Gallegos’ xa sabían que alí non fora publicada, aínda que si estaba confirmado que o edificio acollera o prelo”, apunta Martínez, que investigou o movemento intelectual vigués a finais do século XIX para a súa tese “La Oliva (1856-1857)”. Sinala que en 1860 apróbase a Real Orde que organiza enumeración de portais e comezou a aplicarse a partir de 1862. Marcaba a distribución: pares á dereita, impares á esquerda, polo que xa o sitúan na marxe contraria. Teoría que confirmou unha testemuña directa. “Unha descendente dun traballador a imprenta achegouse nun routeiro sobre Rosalía e díxome que o seu avó, ao pasar fronte ao número 12 na procesión do Cristo, sempre sostivo que o letreiro estaba mal, que era doutro lado”.
Mergullado no arquivo municipal, o historiador deu cun expediente de obra para o número 19, a casa lindante ao negocio de Compañel e co plano nunha exploración sobre o terreo, identificou o número actual co solar, o 21, establecemento no que dende 1986 atópase o bar Tipo X, rexentado por Francisco Gutiérrez: “Cuando cogí el local aquí había una tienda de bacalao, nada que indicase la instalación de una imprenta, aunque hace ya unos años una clienta me dijo que en este lugar era de donde había salido la obra de Rosalía de Castro”. Mais non foi ata anos despois, coa publicación de “Camiñar o Vigo Vello” (2018), de Pedro Feijoo, en que tivo a confirmación. Por iniciativa propia decidiu colocar un cartel no que, citando ao escritor, adxudicase o eido debatido. “No cabe duda que es un valor añadido, entra gente a preguntar, incluso hay excursiones de escolares con sus profesores que se paran en la puerta para explicar qué pasó aquí”.
Pedro Feijoo explica a súa implicación nesta polémica polo proceso de documentación de ‘Fillos do lume’. “Acumulei tanta información que xa pensamos en publicar un percorrido polo Casco Vello, estaba buscando outra cousa no arquivo municipal cando din cun documento sobre a casa dos Chao onde viviron Murguía e Rosalía, consultando a información de Xurxo Martínez e Jorge Lamas, todo sinala a que a imprenta estaba no número 21. Quedou aí, sen facerlle moito caso, xusto detrás sitúase a casa do francés, onde Napoleón perdeu a primeira vila de Europa, un episodio tan destacado que tampouco ten placa”. O escritor refírese a un dos seus achádegos nesa investigación, a que foi a residencia e despacho de Jacques Antonine Chalot, no alto da Travesa da Esperanza, por riba da Rúa Real, onde o comandante francés asinou as capitulacións.
Con todo, o debate non se pechou aí. Nas súas pesquisas, a Martínez se lle presentou unha dúbida. “Non podemos datar con seguridade un dos traslados da imprenta; averigouse que o prelo onde mudouse entre 1862 e 1864 ao outro inmoble, alí tirábase o xornal ‘El Miño’, o enderezo que aparece nos exemplares que se conservan varía nos números 28, 14, 24 e 21”. Mais a incerteza mantense xa que non se localizou ningún xornal do 1863, ano en que saíu ‘Cantares Gallegos’, co que se poida localizar con exactitude o local.
Está documentado que Compañel tivo o negocio nos actuais números 12 e 21 na rúa Real, amais doutras ubicacións ata que chegou á rúa Victoria. Pero descoñécese onde se atopaba cando se publicou ‘Cantares Gallegos’. “É unha pequena cuestión pero que ten a súa importancia, non é o mesmo rezarlle a Santiago que a San Roque, non se lle piden as mesmas cousas”, chancea Martínez, quen non perde a esperanza de resolver o misterio. “A miña crenza é que sempre existe a documentación que falta nalgún faiado”. Insiste en que o camiño está nos arquivos. “Os investigadores que publican teñen a obriga de consultar as fontes, non fiarse de libros anteriores”. Coa súa tese desmontou a idea de que a publicación de ‘Cantares Gallegos’ en Vigo fora fortuíta. “Viñeron aquí ao abrigo político e cultural de Murguía, Vigo non estaba, como se cría, á marxe da cultura. Había unha clase intelectual importante, clave no Rexurdimento”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar