Unha camelia rende homenaxe ao legado de Rosalía de Castro en Chapela

Digna Rivas con Anxo Angueira tras plantar unha camelia en honra a Rosalía de Castro na alameda de Chapela.
photo_camera Digna Rivas con Anxo Angueira tras plantar unha camelia en honra a Rosalía de Castro na alameda de Chapela.

A alameda de Chapela acolleu a presentación da programación vencellada ao Día de Rosalía. Ao acto acudiron representantes locais de diversos ámbitos, como o educativo

Unha multitude reuniuse na alameda de Chapela para render homenaxe á autora que lle dá nome: Rosalía de Castro. O acto foi presidido pola alcaldesa, Digna Rivas, que estivo acompañada do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e representantes locais do ámbito educativo, deportivo, da administración local e empresarial.

Durante a súa intervención, Rivas quixo amosar “o seu compromiso con esta muller universal”, responsable tamén do Servizo de Normalización Lingüística.

 

 

Os dous representantes dos centros educativos explicaron a iniciativa “Unha semaniña enteira”, un proxecto que consiste no reto de falar galego durante 24 horas durante toda unha semana, do 26 de febreiro ata o 3 de marzo.  O responsable de Dinamización Lingüística do IES Chapela, Aldán Satamarina, explicou que este reto naceu “da necesidade de fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas”, xa que no instituto constatan que uso da lingua do país cada ano é menor. 

Para apoiar esta campaña o Servizo de Normalización Lingüística promoverá varias accións en clubs deportivos, hostalaría, comercio. No caso do Grupo Casa Paco 81, o seu presidente (presente no acto), explicou que se comprometía a celebrar todos os seus encontros deportivos únicamente en galego. Do mesmo xeito, un representante dos funcionarios locais comprometeuse a ofrecer un servicio totalmente en galego.

En paralelo, desde o Concello promóvese unha iniciativa nas Prazas de Abastos, tanto de Chapela como de Redondela, que estará en marcha toda esa semana. Consiste nun sorteo dunhas bolsas de tea, cun deseño especial vencellado a Rosalía de Castro, entre aquelas persoas que presenten o día 23 un xustificante de compra destes mercados. O acto de entrega das bolsas (até esgota existencias) farase na Praza de Abastos de Chapela entre as 10 e as 11, e na Praza de Abastos de Redondela, entre as 12 e 13h. Ademais esa xornada do 23, día de Rosalía, o obradoiro de Hostalaría do Concello de Redondela repartirá  de balde o chamado Caldo de Gloria, un caldo feito a partir dunha receita dun poema de Rosalía e que a Fundación Rosalía de Castro leva promovendo dende hai anos, e ao cal se volve sumar unha vez máis Redondela.

O presidente da Fundación, Anxo Angueira, eloxiou a iniciativa que implica “a toda a sociedade, a un pobo enteiro, e que o fai na data de Rosalía, unha figura que nos une e nos representa a todos como galegos”. Angueiras tamén fixo entrega dunha camelia do xardín da Casa de Rosalía (en Padrón), que se plantou á beira da estatua da autora de “Cantares Galegos” que preside a alameda. O presidente da fundación e a alcaldesa foron os encargados de plantar o espécime.

Finalmente, o acto despediuse mentras soaba “Os Pinos”, himno de Galicia, interpretado pola agrupación Semente Nova.

Te puede interesar