Tres vigueses ao fronte do Consello da Cultura

Marco, Fundación Penzol e UVigo teñen representantes no plenario

Dolores Vilavedra foi elixida presidenta esta semana. Alfonso Zulueta estivo ao fronte de 2002 a 2006 e Carlos Casares, de 1996 a 2002.
Dolores Vilavedra foi elixida presidenta esta semana. Alfonso Zulueta estivo ao fronte de 2002 a 2006 e Carlos Casares, de 1996 a 2002. | Atlántico

O Consello da Cultura Galega (CCG) comeza unha nova etapa cunha viguesa á fronte, Dolores Vilavedra. A súa designación farase efectiva unha vez sexa presentada ante o Parlamento e publicado o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia. A institución, con sede en Santiago de Compostela, é o órgano de carácter asesor e consultivo encargado de divulgar, promover e preservar os valores culturais da terra. Baixo a última presidencia, a de Rosario Álvarez, fomentouse a descentralización do Consello, polo que a súa presenza en Vigo fíxose máis notable.

Con todo, a pegada viguesa da institución é considerable dende hai anos. Dos sete presidentes que estiveron ao fronte dende a súa inauguración en 1983 e que rotan tras dous mandatos de catro anos, tres deles foron veciños desta cidade. O primeiro foi o escritor e editor, Carlos Casares que tomou posesión en 1996 ata a súa morte inesperada, en 2002. Tomou o relevo outro vigués de adopción, Alfonso Zulueta, que foi a faciana visible do CCG ata 2006. A terceira é a recén escollida Dolores Vilavedra.

Na actual comisión executiva atópase o musicólogo Alejo Amoedo, que tamén está presente no plenario como membro electivo. Nestas cadeiras acompáñao Ramón Nicolás, docente no IES Castelao do Calvario, e Susana Reboreda, profesora na Universidade de Vigo. Da Ría, concretamente de Cangas, é a profesora da UVigo, Paula Cabaleiro, integrante da Comisión Executiva e e un dos cargos lectivos, que son nomeados polos seus méritos. O escritor Xabier Queipo, afincado na cidade, e co-responsable do espazo cultural Río Lagares, completa a comitiva local dos dez conselleiros electos.

O plenario acolle a quince membros representativos, que son os que están como voceiros de institucións integradas no Consello. Así, pola Escola de Arte Dramática (ESAD), localizada na parroquia viguesa de Navia, atópase Cristina Domínguez; como representante da Real Academia de Belas Artes enviaron a Miguel Fernández-Cid, director do Museo de Arte Contemporánea (Marco), propiciando colaboracións co museo vigués. Da Fundación Penzol é membro o seu presidente, Manuel Puga.

A presenza das universidades altérnase e no pleno actual está representada a UVigo a través do seu reitor Manuel Reigosa. As recentes eleccións da Universidade déronlle a testemuña a Carme García Mateo, quen formou parte do pleno do Consello dende 2016 ata 2024.

Os integrantes do plenario coordinan as tres seccións nas que se organiza o Consello: Arquivos (4), comisións (21) e seccións (6), que mobilizan a máis de 200 especialistas en distintos ámbitos para realizar as tarefas e as actividades da institución. Así, os primeiros adícanse á Migración Galega, o Sonoro de Galicia, Sociolingüística e o de Igualdade e Feminismo, que coordinado por Carme Adán involucrou ás viguesas Inma López-Silva e Rexina Rodríguez. Entre as numerosas comisións que se organizan está a de Relacións Exteriores, que conta con María Xosé Porteiro, e a de Memoria-San Simón, con Xurxo Martínez. Finalmente nas seccións abórdanse os temas Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais; Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade; Lingua, Literatura e Comunicación; Patrimonio e Bens Culturais; Creación e Artes Visuais Contemporáneas, con maior presenza viguesa (Carlos López Bernárdez, Javier Pérez Buján ou Patricia Verdial) e a de Pensamento, con Francisco Castro, na de Pensamento.

O Consello promove as xuntanzas de sabios do país nas distintas disciplinas do saber para custodiar o patrimonio inmaterial galego tradicional e contemporáneo.

Contenido patrocinado

stats