Dolores Vilavedra: “A presidencia é un desafío para min, a posibilidade de por en práctica as miñas ideas”
"Estamos recibindo legados moi importantes e temos que axilizar a dispoñibilidade en liña para facer o traballo máis dinámico", sinala a nova presidenta electa do Consello da Cultura Galega
Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), filóloga galega e profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela, vén de ser elixida como presidenta do Consello da Cultura Galega, tras unha traxectoria vencellada a investigación e a promoción da lingua. É unha muller da casa, vicepresidenta no plenario dende 2024.
En que momento se propuxo presentarse á presidencia?
Empezaron a suxerirmo hai xa dous anos. O Consello da Cultura Galega ten un mecanismo de renovación tan áxil e sinxelo que todo pode planificarse. Na segunda metade do segundo mandato de Rosario Álvarez, houbo quen comezou a pensar que viría despois, sen improvisar. Entón, considereino. É un cargo que precisa dedicación absoluta e ter un proxecto. A presidencia é un desafío para min mesma e poder por en práctica as miñas ideas para o Consello. Era preciso reunir a un equipo, a xente disposta a entrar.
Foi a única que se presentou ás eleccións. A súa é unha candidatura de consenso?
Non sei de canto consenso. A convocatoria é aberta e transparente. Para presentarse só é preciso un número de avais. Pode aspirar calquera, incluso alguén de fóra. É un proceso aberto. Só hai que coñecer ben as posibilidades da institución e a lexislación que a marca.
Cales son as liñas que propón desenvolver na súa presidencia?
Foron as que presentei no pleno do mércores. O Consello cumpre medio século no 2033 é hai que actualizalo. Iso implican cuestións internas e facer unha gobernanza máis áxil e repasar o traballo en equipo. Hai que analizar como podemos mellorar na comunicación trala crise do xeito de consumo da postpademia. Temos que repensar o formativo activo para captar novos públicos e públicos novos. Amais quero fomentar un plan cuadrimestral de dixitalización de fondos. Estamos recibindo legados moi importantes e temos que axilizar a dispoñibilidade en liña para facer o traballo máis dinámico. Imos potenciar o Observatorio do Consello, que ten moi boa acollida. E hai que avanzar no estudo das lecturas en Galicia. Rosario xa inicio a laboura en torno ao dereito cultural, nese novo pensar da cultura, o Consello xa é líder.
No seu nomeamento propuxo un achegamento ás institucións homólogas en Euskadi e en Cataluña. Como sería?
Os institutos catalán e vasco son algo diferentes ao Consello. Temos colaborado no referente á lingua e á literatura, aínda que ás veces se ralentiza, xa que eles dependen dos poderes políticos e cada vez que cambian os gobernos, párase á actividade. A autonomía do Consello permítelle avanzar a velocidade cruceiro.
Cal cre que é a imaxe que a sociedade ten do Consello da Cultura Galega?
Temos moito que avanzar no coñecemento que se ten do Consello. Falta que se saiba que é. Hai que abrir unha reflexión sobre que é o coñecemento baixo a nova realidade da Intelixencia Artificial. O Consello funciona como un órgano de produción de coñecemento. Temos que cuestionarnos que significa divulgar, conservar e transmitir coñecemento. Hai que combater a desinformación e a banalidade.
O Consello ten a súa sede en Santiago, pero cal é a súa presenza no resto de Galicia?
Rosario Álvarez fixo unha aposta radical pola descentralización, percorrendo o país enteiro. Iso axuda a paliar as asimetrías xeográficas entre a costa e o interior, ou do urbano fronte ao rural. Manterémola, xa non hai marcha atrás.
E canto de vigués ten?
Hai bastantes persoas que son ou traballan na cidade que son electos ou representan algunha institución. O Consello é moi vigués.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
INICIATIVA DE LA SOCIEDAD CIVIL
Las principales organizaciones gallegas promotoras del emprendimiento apuestan por un rural resiliente frente a los incendios