Ruvira gaña o X Premio Illa Nova de Narrativa
Literatura
A escritora recibe o galardón de Editorial Galaxia por “Dos afectos, o río”, sobre as feridas do pasado e as desigualdades actuais
A escritora e investigadora Sofía Ruvira foi distinguida co X Premio Illa Nova de Narrativa, convocado por Editorial Galaxia coa colaboración de El Corte Inglés, pola súa novela “Dos afectos, o río”. O xurado destacou a calidade literaria dunha obra que aborda a memoria como eixo central do relato e reflexiona sobre as distintas formas de violencia, a conciencia ecolóxica e as desigualdades contemporáneas.
A novela parte dun acontecemento histórico ocorrido en Allariz para explorar como as feridas do pasado seguen presentes nas familias e as comunidades. Nela, o río actúa como símbolo que vertebra unha historia marcada pola perda, os afectos e a vulnerabilidade. O xurado tamén puxo en valor o estilo poético de Ruvira e unha narración que reivindica a igualdade de xénero e cuestiona a figura do heroe tradicional.
A autora xa mostrara ese compromiso coa memoria e a escritura en textos anteriores. Na arte de traspasar a escritura sostén que escribir é "volver de novo a mirar onde se xestou o masacre" e imaxinar o presente para que a poesía actúe".
O Premio Illa Nova de Narrativa, dirixido a escritores menores de 35 anos, alcanza este ano a súa décima edición co obxectivo de impulsar novas voces da literatura galega.
Contenido patrocinado
También te puede interesar