O reitor saínte despídese no Consello de Goberno

vigo

A derradeira sesión aprobou a liquidación do orzamento de 2017

redacción. vigo localad@atlantico.net

Publicado: 24 may 2018 - 02:00 Actualizado: 24 may 2018 - 01:35

Salustiano Mato, no centro da imaxe, presidiu a derradeira sesión do Consello de Goberno.
Salustiano Mato, no centro da imaxe, presidiu a derradeira sesión do Consello de Goberno.

O reitor saínte da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradecía onte aos membros do Consello de Goberno o labor desenvolvido ao longo dos oito últimos anos, que se corresponden coas dúas lexislaturas nas que presidiu o órgano colexiado. “Grazas pola súa asistencia constante, pero sobre todo pola súa comprensión, confianza, compromiso, crítica, lealdade institucional e cariño. Quero que quede claro, ao final desta lexislatura, que isto foi o que percibiu este equipo de goberno”, manifestou na sesión.

Os agradecementos e recoñecementos ao equipo de goberno saínte e os parabéns e desexos de éxito ao reitor electo, Pachi Reigosa, presente na sesión na súa condición de membro do consello, marcaron a derradeira sesión do órgano colexiado baixo a presidencia de Salustiano Mato, que desexou “a mellor das sortes e dos éxitos posibles” para o seu sucesor.

Na sesión ordinaria celebrada onte, os integrantes do Consello de Goberno aprobaron, entre outras cuestións, a conta de liquidación do orzamento do exercicio 2017, que, segundo explicou o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, “despois de facer o recálculo definitivo da prorrata do IVE o resultado orzamentario que traemos hoxe aquí é definitivamente positivo en 1.275.758 euros, co que pechamos un ciclo de resultados económicos en equilibrio desde 2012, que desexamos que sexa a senda de resultados a acadar no futuro por esta universidade”. A aprobación dunha normativa que regula a utilización de tarxetas de débito virtuais como medio pago para realizar compras a través de internet, foi outro dos puntos da orde do día da sesión celebrada onte na Universidade de Vigo.

Contenido patrocinado

stats