Peche da campaña "21 días en galego" nos colexios de Vigo
No CEIP García Barbón contaron cun pequeno concerto de Cé Orquesta Pantasma
Os CEIP García Barbón e Pintor Laxeiro viviron onte unha xornada moi especial co peche da campaña ‘21 días en galego’. Durante as últimas tres semanas todos os nenos destes dous centros –dende 4º de Infantil ata 6º de Primaria– participaron en diversas actividades para perderlle o medo ao galego colaborando cos programas “Galicia Por Diante” e “Dígocho Eu” da CRTVG.
No CEIP García Barbón contaron cun pequeno concerto de Cé Orquesta Pantasma para clausurar a súa participación neste programa de dinamización lingüística que os levou a facer unha especie de calendario de advento no que cada día se propuxo unha actividade diferente como o aforcado, o tabú ou buscar palabras ao chou nos diccionarios, sempre no tempo de lecer dos cativos. Nunha ceremonia de clausura de temática cinematográfica, aproveitando a próxima celebración dos premios Oscar, o delegado territorial de educación da Xunta, César Pérez Ares, levou un agasallo en forma de estatuíña.
Pola súa parte, no CEIP Pintor Laxeiro, todos os alumnos reuníronse no patio para un ritual moi cheo de simbolismo onde os máis pequenos da casa “puxeron as sementes” do galego tras tres semanas nos que, segundo a directora do centro, Esther Fernández, “perderon o medo tanto a expresarse como a equivocarse”, xa que o propio formato do programa requería que se documentase todo o proceso de xeito audiovisual. “Ao principio parecían estatuas, pero de cara ao final xa se soltaron moito. Isto serviunos tanto para que os nenos se acostumaran a falar galego como para traballar moito a súa expresión oral, que é moi importante”, comenta Esther, que confesa estar extremadamente satisfeita con esta campaña.
Contenido patrocinado
También te puede interesar