Vigueses distinguidos 2026
El IES Alexandre Boveda y el IES Álvaro Cunqueiro, Vigueses Distinguidos
“Aquí tamén se fala galego” rezan os carteis de chamativa cor laranxa que alumnos do IES de Beade están pendurando en negocios da cidade como parte da campaña de normalización lingüística do mesmo nome iniciada polo IES Rafael Dieste, da Coruña, e que hoxe en día seguen xa máis dun cento de centros educativos galegos.
Unha campaña que xa se fixo viral en redes grazas a un vídeo compartido polo actor Viggo Mortensen no que amosa o seu coñecemento do idioma e anima a todos, pequenos e maiores, a vivilo e falalo. Ademais del, outras celebridades como James Rhodes, as Tanxugueiras ou María Vázquez prestaron o seu apoio á iniciativa que, grazas aos alumnos do IES de Beade e outra ducia de institutos vigueses xa está deixándose ver en negocios locais de toda a cidade.
A idea é, deste xeito, darlle un pulo aos comercios ‘de toda a vida’ –a páxina web e redes sociais da campaña fai difusión dos locais que a apoian– ao mesmo tempo que se implica directamente a aos alumnos no fomento do uso da lingua galega, xa que son eles os ‘encargados’ de buscar polo menos un negocio no que pendurar o cartel e explicar aos seus donos o propósito da campaña de dinamización.
A resposta do alumnado non podía ser máis satisfactoria, como apunta a este xornal Silvia Iglesias, docente do departamento de Lingua Galega do IES de Beade. “Queriamos que eles fosen axentes dinamizadores, porque a pesar de que nunha cidade como Vigo dá a sensación de que os rapaces máis novos non falan galego, non é certo”, sinala.
Esta profesora salienta que “nós, os docentes, non fixemos nada salvo informar ao alumnado da existencia da campaña e pedir a súa cooperación, son eles os que levan a iniciativa”. O centro tratou de involucrar ao alumnado de todos os niveis, dende 1º da ESO ata 2º de Bacharelato, e Silvia destaca o ben que o recibiron uns alumnos que, no día a día, apenas acostuman a falar galego: “Aínda que só lles pedimos que colocaran un por cada grupo, moitos xa comezaron a pedirnos máis carteis”.
O obxectivo é chegar a 100 negocios e esta docente é optimista ao respecto, sobre todo porque “están moi animados os rapaces. Pensamos que non lles ía apetecer, pero a experiencia estálles gustando moito”.
A implicación e a iniciativa coa que o alumnado do IES Beade recibiu esta campaña sorpendeu aos profesores impulsores do departamento de Galego e da Área de Normalización Lingüística do centro. Non é para menos, xa que teñen notado que a ampla maioría deles, aínda que entenden e son capaces de expresarse en galego tanto de forma oral como escrita, adoitan utilizar o castelán nas comunicacións cos seus iguais e reducen o seu uso da lingua ás clases que se imparten en galego. Porén, non agardaban o entusiasmo co que un elevado número de estudantes se apuntaron a participar. Mara (4º da ESO). Ainhoa e Zoe (2º de ESO) son só tres exemplos: “Ao principio fixemos moitas probas”, explican, xa que non tiñan claro como abordar a campaña cos donso dos negocios, aínda que ao final recoñecen que “non foi moi difícil” porque a xente da cidade está pola labor de fomentar o uso do galego. A respecto disto, estas tres alumnas aseguran que “debería haber máis actividades así no instituto” xa que son conscientes da importancia de preservar o idioma.
Contenido patrocinado
También te puede interesar