“Pasar a ter móbil é un cambio moi forte para os nosos fillos”
Educación
As Anpas do IES do Castro e do CEP Doutor Fleming son pioneiras en Vigo co pacto para retrasar a entrega do smartphone e xa suman case cen familias que o asinaron
A presidenta da Anpa do IES do Castro, Rute Pallares, decidiu este curso que era hora de atallar un problema que ameazaba a convivencia no instituto: os rapaces cada vez acceden cada vez máis novos aos teléfonos móbiles. “Decatámonos de que xa ían chegando nenos dende sexto de Primaria con teléfono”, explica esta nai preocupada. Ademais, nos últimos anos, según conta Rute, entregar un ‘smartphone’ aos fillos converteuse nunha especie de tradición ao pasar de Primaria a Secundaria, coa presión social que isto conleva para os pais dos nenos que preferían esperar.
“Eu creo que non están preparados mentalmente. Dárlles o móbil ábrelles unha xanela ao mundo. Ten cousas boas, pero non teñen o cerebro desenvolvido para lidiar con todo o que supón. É un cambio moito máis forte do que pensamos”, indica Eva Piña, tamén membro da Anpa deste centro e que foi unha das primeiras en firmar o pacto para retrasar a entrega dos teléfonos móbiles no que as nais e pais deste centro, xunto co seu colexio adscrito, o CEP Doutor Fleming, son pioneiros en Vigo.
Dende este instituto, un dos máis grandes da cidade, a Anpa impulsou este pacto entre familias precisamente para evitar esa presión social. Ademais, falaron coa Anpa do Fleming para que se unisen ao pacto e así evitar na medida do posible que os alumnos cheguen ao instituto tendo teléfono. En especial agora, que están prohibidos en todos os centros educativos de Galicia. Así, en apenas varias semanas, máis de 60 familias do IES do Castro e outras 35 do Fleming asinaron o pacto. A idea é renovalo ano a ano e aguantar, como mínimo, ata os 16 anos sen entregarlles o smartphone aos rapaces, aínda que tanto Rute como Eva son conscientes de que por diferentes circunstancias non todas as familias rematarán aguantando tanto tempo. Con todo, o esforzo paga a pena para evitar esa presión social e mellorar a saúde mental das súas crianzas.
“Agora están menos ansiosos nas clases”
Eva Piña, docente de profesión, está profundamente convencida de que retrasar a entrega dos móbiles é moi beneficioso para os rapaces: “Dende que os prohibiron nos institutos eu vexo aos alumnos menos ansiosos e máis conectados entre si. Antes estaban pegados ao dispositivo, sen interactuar, sen convivir, sen falar entre eles…”. Nai dunha nena de 12 anos, recoñece que “ela é a primeira que quería que non asinara o pacto porque a ela lle seduce ter un teléfono”, pero Eva sostén que é mellor esperar ata os 16 anos. Iso si, con moito traballo de concienciación e información ao respecto: “Hai que explicarlles que non é bo para eles e por que e os perigos que van asociados e acaban entendéndoo”.
Dende que comezaron no IES do Castro con este pacto pioneiro en Vigo, moitos máis centros foron sumándose. Agora tamén animan dende as Anpas a que asinen o pacto estatal, no que hai xa 134 familias de 39 centros educativos da cidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar