A obra de Bea Rey, nova Premio Laxeiro, chega ao Marco

A distinción a título póstumo, fai xustiza a unha artista que formará parte da exposición colectiva “Érguete. A pegada das nais”

A foto de familia da Fundación Laxeiro na entrega do gravado homenaxe, recibida de mans do alcalde por Antón Castro, en nome da familia de Bea Rey.
A foto de familia da Fundación Laxeiro na entrega do gravado homenaxe, recibida de mans do alcalde por Antón Castro, en nome da familia de Bea Rey.

A Fundación Laxeiro fixo onte entrega do galardón co que conmemora o nacemento do artista de Lalín, o 23 de febreiro de 1908. Nesta ocasión recaeu na artista coruñesa Bea Rey (Coruña 1939-2024), que por primeira vez se outorga a título póstumo. Rey e Laxeiro mantiñan unha relación de amizade e admiración mutua, tal e como explicou o crítico Antón Castro, que recoñeceu o gravado honorífico en nome da familia. 

Na súa intervención, louvou tamén a calidade humana da artista, para rematar afirmando que este galardón significaba un rescate da súa figura, quen, dixo, non está suficientemente recoñecida e felicitouse porque ese rescate viñera da man da Fundación e nun día tan especial, no que os amigos de Laxeiro recrean as habituais festas de aniversario que organizaba en vida. Mañá cumpriría 117 anos.

Bea Rey non fixo ningunha exposición na cidade, aínda que Afundación expuña un dos seus cuadros en “Simultánea”, mostra que permanecerá en marzo no seu Centro Social. A obra foi descolgada esta semana e cedida en préstamo ao Marco, onde foi a primeira peza en ser colocada da nova súa nova proposta expositiva: “Érguete. A pegada das nais”. Comisariada por Violeta Janeiro, inaugurarase o vindeiro venres, día 28.

Preguntado por Atlántico sobre a oportunidade para realizar a primeira montaxe adicada a Bea Rey, o director do Marco, Miguel Fernández-Cid limitouse a recoñecer que se trata “dunha artista moi reivindicable”.

O galerista vigués Víctor Montenegro conserva un dos tres cadros que tiña da artista. Os outros dous vendeunos o seu museo en Sobrado dos Monxes. “É unha pintura moi boa e comprometida, pero moi pouco promocionada”, apunta o galerista. A presentación crítica do seu centro destaca “a súa constante experimentación coas novas plásticas, con postulados comúns a xeometrización maila redución das formas á esencia, a viveza das cores elegantemente contrastadas e o equilibrio compositivo derivado dun metódico e minucioso traballo, altamente meditado e estudado en cada un dos seus lenzos”.

No acto estivo presidido por Carlos García-Suárez, secretario xeral da Fundación Laxeiro, quen fixo lectura do fallo, e polo alcalde Abel Caballero que reivindicou unha maior visibilidade. Tamén acudiron o crítico de arte e comisario, Carlos López Bernárdez, os pintores Antón Pulido e José María Barreiro e os representantes políticos David Regades (Zona Franca), Luisa Sánchez (Deputación provincial) ou Anxo Lorenzo (Xunta).

Contenido patrocinado

stats