Nova voz para a galaxia Laxeiro
O padroado da Fundación Laxeiro recoñeceu nun acto no Marco a traxectora da escritora viguesa An Alfaya, pola súa versatilidade ó dirixirse a público xuvenil ou adulto
A galaxia Laxeiro sumou onte unha voz, a da escritora viguesa An Alfaya, que se une a unha noble tradición de autores, como Xesús Alonso Montero, Xosé Neira Vilas ou María Xesús Queizán, entre outros. O padroado da Fundación que leva o nome do pintor vigués de adopción entregou o Premio Laxeiro 2026, recoñecendo o labor dunha autora versátil e prolífica, capaz de escribir para públicos infantil, xuvenil e adulto, sen perder a calidade e a profundidade da súa voz.
O acto celebrouse no Marco e nel interviron Carlos García-Suárez, secretario xeral do padroado, e o escritor Francisco Castro, quen destacou que An Alfaya é continuadora dunha tradición feminina nas letras galegas e lembrou a importancia da cultura como “compango” que acompaña ao alimento físico da vida, citando a Alonso Montero. Subliñou tamén a súa capacidade de dirixirse á rapazada con respecto e consideración.
An Alfaya afondou no seu agradecemento na comunicación entre artes plásticas e literatura, defendendo a capacidade da arte para conmovernos, alterarnos e transformarnos. “Quizais a cultura e a creación sexan a nosa táboa de salvación, a única esperanza”, afirmou, emocionando ao público que encheu a sala. O presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero, pechou o acto destacando a liberdade e a democracia como fundamentos da cultura e felicitou á autora pola súa obra e polo discurso, cualificado como un exercicio de defensa da dignidade e do progreso humano.
An Alfaya, gañadora do Premio Laxeiro
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último