“Non son investigador, esta novela é ficción, o único real é un crime que impresionou a Vigo”

ÁLEX ALONSO Autor de “Granito” da que fala mañá en Abrente online

nnn Licenciado en Filoloxía e traductor na Audiencia Provincial de Pontevedra, Álex Alonso (Vigo, 1964) debutou na novela pola porta grande tras dous títulos en narrativa curta. A súa ópera prima neste xénero, “Granito”, gañou ex-aequo o Premio Torrente Ballester. Publicada por Edicións Xerais, a trama está inspirada no asasinato múltiple acontecido en Priegue en 1994, o que xerou todo tipo de reaccións. Preséntaa mañá no faladoiro literario na rede da Libraría Abrente e coas mesmas falou da novela aos lectores de Atlántico.

Ana Baena. VIGO

Publicado: 10 dic 2020 - 00:31 Actualizado: 10 dic 2020 - 09:40

2020120923312993052
2020120923312993052

Por que escolleu o crime de Nigrán?

En principio porque me pillou preto, son de San Miguel de Oia e despois polas características do crime, ao seren asasinados membros dunha mesma familia, que os autores foran policías e a proximidade, xa que eu fun o mesmo instituto de Nigrán onde estudou un dos fillos e sempre hai alguén que os tratou.

Coñecía a familia?

Non, non tiña contacto. Unha vez escribín a novela, souben de xente que si tiveron relación con eles, incluso entre os meus achegados.

Só se deron coñecer cando xa estaba publicada?

Levei o tema moi en segredo, non lle comuniquei a ninguén que estaba escribindo esta novela. Podía ir para diante ou non, só foi seguro cando gañei o premio. Estiven traballando do proxecto entre dous e tres anos, pouco a pouco, non con adicación exclusiva.

Tampouco mantivo contacto cos sobrevivintes ou cos asasinos?

Non falei con nengún. Nun principio, pola mesma razón pola que gardei silencio, non sabía o que lle ía deparar á novela. Eu non son nengún investigador e non quería implicalos, achegándome a eles e afondar nas súas vidas. Esta novela é ficción, está todo inventado, o único real foi o crime que o recollín a través das crónicas xornalísticas. Todo o relacionado coa vida familiar é pura invención.

E non lle preocupa como poidan reaccionar ao se identificar con personaxes moi definidas?

Cando escribía non o pensei na reacción que provocaría. Unha vez que o obtivo o Torrente Ballester, colleu bastante transcendencia, entón sí empezou a preocuparme. Supoño que non lles gustaría. Quero desculparme se algo lles molestou. Eu escollín o crime pola súa sustancia literaria e polo seu potencial.

Contou con asesoramento na recreación de escearios profesionais como a comisaría de policía ou a redacción de xornal?

Foi unha tirada de moto. Non sei realmente como funcionan, pero seguín para diante.

Hai quen di que podería ter escrito a novela sen referencias tan directas, teme que o acusen de aproveitar o tirón mediático?

Non me aproveite de ese tirón porque escribo a novela moitos anos despois de que aconteceran os feitos. Xa tiña en mente a trama cando sucederon, foi un proxecto interiorizado. Impresionou a todo Vigo.

Cun final coñecido logra manter a tensión con encontros entre os implicados do que so o lector é conciente. É un xeito de artellar a trama?

Ocorríanseme conforme ía escribindo. Gústanme as casualidades e os encontros por xogos do azar, as cousas que acontecen ou non por apenas uns minutos. Axudan a entrelazar vidas.

Parte da forza da novela radica no estudo psicológico das personaxes. Por que esa importancia?

Ao final do que vai o tema é de reinterpretar a traxectoria dos dous policías, de saber que puido pasar para que chegasen a cometer catro asasinatos nunha mesma familia. Recollo distintas teorías publicadas en prensa, que ao final non sei se foron contrastadas, como que foran contratados para tarefas de vixilancia ou que estaba relacionado con temas de drogas. Fun entrelazando todo ata dar con respostas.

Contenido patrocinado

stats