“Neira Vilas era afable e encantáballe contar chistes tralo xantar”
O vigués Cándido Pazó fixo dúas adaptacións teatrais de “Lembranzas dun neno labrego” e tratou con quen veñen de nomear autor das Letras Galegas 2027
Xosé Neira Vilas era, como o seu personaxe Balbino, un neno de aldea. Naceu en Gres (Vila de Cruces) en 1928, onde segue a sede da súa Fundación na que fora a súa casa. Aínda con todo ten unha relación achegada con Vigo, xa que en 2009 fixóselle unha homenaxe no Verbum; 2010 recibiu o Premio Laxeiro; no 2011 achegouse a inaugurar a biblioteca pública da Dobrada que leva o seu nome, ano no que regresou convidado ao IES da Guía para a presentación dunha exposición sobre “Lembranzas do neno labrego” e en 2012 inaugurou a Feira do Libro na Alameda. En 2016, un ano despois do seu falecemento, descubríase ás portas da biblioteca en Martínez Garrido a escultura de Balbino, realizada pola Escola de Canteiros de Poio. Agora, coa adicación das Letras Galegas 2027 a Neira Vilas, Vigo terá moito que celebrar.
En declaracións a Atlántico durante o acto na Guía, recoñeceu que lle daba un pouco de pudor falar dos logros de Balbino: “Da súa difusión internacional e da tradución aos 17 idiomas ou que apareza o meu nome non é o que máis me interesa; o que quero que quede claro é que foi escrito en galego”.
E precisamente un vigués, Cándido Pazó, coñeceu e tratou a Neira Vilas polo seu traballo ao redor do neno labrego, ao que se achegou con dúas adaptacións, unha en formato monólogo e a actual, como espectáculo teatral. “A primeira é de 2010 cando se ía cumprir o 50 aniversario da súa publicación, eu son da parroquia de Navia e son testemuña de como vai desaparecendo inevitablemente o seu carácter rural, é un tema de memoria que sempre me interesou. O monólogo foi recibido con entusiasmo, representei 200 funcións. E agora, no décimo cabodano de Neira Vilas fixen unha montaxe, que xa falara con el, con sete actores, traballando máis a figura do pai do protagonista como vítima e verdugo. Tamén foi un éxito, con 31 funcións en Santiago con todo esgotado. Estiven en auditorio municipal de Vigo e volverei ao García Barbón nunha xira que retomaremos en setembro”.
Pazó traballou co escritor e destaca a súa xenerosidade. “Foi colaborativo, entusiasta e prestou a súa figura para a promoción. Lembro a rolda de prensa de Santiago, nunca vira tanta cámara na miña vida nun acto de cultura, era todo grazas a el. Os autores podemos ser moi pesado coas reinterpretacións das nosas obras, el non. No puxo problemas a que eu engadise achegas propias, ata as apadriñou”.
Na inauguración da biblioteca viguesa, o dramaturgo representou o seu monólogo do neno labrego ante Neira Vilas. “Tiña unha relación ambivalente con esta obra, era o seu mundo, a súa sensibilidade, identificábase con ela, pero ao mesmo tempo foi tanto o éxito, que se esforzaba de que a súa sombra non fora tan longa que quitase luz ás súas outras obras”.
No ámbito cultural, o dramaturgo afirma que ninguén dubidaba que se lle adicasen as Letras Galegas. “É unha distinción moi merecida, a única dúbida é se sería en 2026, aos 10 anos da súa morte tal é como esixe a RAG, ou que agardaran a 2028, no que se cumpre o centenario do seu nacemento”.
Preguntado como definiría a Xosé Neira Vilas nas distancias curtas, Cándido Pazó non dubida: “Era unha persoa afable, garimosa, de trato moi doado. Gustáballe ir ás escolas infantis, estar cos rapaces e encantáballe contar chistes tralo xantar. Eu sempre bromeo que ei facer un espectáculo sobre os chistes que lle gustaba contar. Era moi erudito, desfrutaba coas cartas elevadas con outros escritores, pero ao tempo era un home sinxelo e accesible”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar