Milladoiro celebra os seus 45 anos en Nigrán

O grupo folk referencia en Galicia ofreceu no 2020 un concerto en Chandebrito tras inaugurar un monumento na súa honra

Imaxe do grupo Milladoiro durante unha das súas actuacións.
Imaxe do grupo Milladoiro durante unha das súas actuacións.

O Concello de Nigrán reforzará a súa simbiose con Milladoiro o vindeiro sábado 24 de agosto no ‘Chandefolk’. O grupo de referencia internacional no folk galego repite neste festival senlleiro da parroquia de Chandebrito para festexar os seus 45 anos de música polo mundo. Catro anos antes, no 2020, ofreceron dentro deste mesmo evento un concerto emblemático ao ter inaugurado xusto antes un monumento na súa honra e ter participado os seus compoñentes na reforestación de 7.000 metros cadrados queimados nos incendios de 2017 nunha superficie que se bautizou como ‘Bosque de Maeloc’, en homenaxe aos 40 anos do seu primeiro disco.

Nesta nova ocasión, contarán con Donicelas como teloneiras (21:30) para subir ao escenario de Chan de Rapadouro a partir das 22:00 horas. Como é habitual, a entrada é de balde e será un concerto inclusivo porque será signado por intérpretes de lingua de signos e o Concello disporá das súas mochilas vibratorias para todas aquelas persoas xordas que o soliciten previamente no 690 679 675 ou no mail info@entresignos.com. Neste festival colabora de maneira activa a Asociación de Veciños de Chandebrito, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, a Deputación.

Contenido patrocinado

stats