Manuel Pereira: "Agora máis que nunca é moi importante reforzar as conviccións constitucionais”
O presidente do Tribunal de Instancia de Vigo será o encargado de ler o Bando do Día da Constitución
Consciente da responsabilidade que supón ser o encargado de ler este ano o Bando do Día da Constitución e moi honrado de facelo, o presidente do Tribunal de Instancia de Vigo, Manuel Pereira, defende a esencia da Carta Magna, que está nos dereitos fundamentais e liberdades públicas e alerta dos perigos da proliferación de opinións que poden poñer en cuestión valores constitucionais.
Que significa para vostede ser o encargado de ler o Bando da Constitución nun momento coma o actual de tensión social no que a Carta Magna adquire unha relevancia maior ca nunca?
Evidentemente é unha grandísima honra que pensen nun para facer este bando, polas responsabilidades que ten, pola efeméride que é, pola norma que é, e creo que, efectivamente, como dís, porque estamos nun momento no que penso que é máis importante manter en álxido as conviccións constitucionais porque hai ameazas por moitos sitios. Considero bastante importante neste momento reforzar estas conviccións.
Que artigo ten un maior impacto na cidadanía e o que menos se leva á práctica?
O núcleo esencial da Constitución está no capítulo dos Dereitos Fundamentais e das Libertades Públicas que creo que, afortunadamente, se poñen en práctica e precisamente nos tribunais. Calquera persoa ten abertos os tribunais para facelos valer. A partir de aí, pode haber cousas máis ou menos importantes. Está o tema da organización territorial do Estado, sabemos que hai outra serie de dereitos que non son o núcleo dos Dereitos Fundamentais e das Libertades Públicas que son os principios rectores da política social e económica, que son digamos mandatos para o lexislador para tomar determinadas liñas ou políticas, pois ás veces fanse e ás veces non se fan. Pensemos, por exemplo, nas políticas da vivenda, entre outras, o artigo 47 e algúns máis que se fai o que se pode según dos criterios dos gobernos de turno e poden xerar percepcións na cidadanía de que non se dan cumprido todo o que deberían. Pero é unha cuestión máis de marcar diretrices políticas. Esas son máis difíciles ou non están pensadas para facelas valer perante os tribunais, en principio.
A pesar de ser unha Constitución máis que madura cal é o segredo da súa vixencia?
A esencia da Constitución e a clave do seu éxito é o catálogo de dereitos fundamentais e liberdades públicas. Os que incorporou a Constitución española no seu momento son perfectamente equiparables ao movemento constitucional máis esixente e dotados ademais no propio sistema de mecanismos para facelos valer, o Tribunal Constitucional, tribunal de xustiza... Mentres isto siga funcionando, o núcleo da Constitución vai estar vivo. Creo que xa é a máis duradeira da nosa historia constitucional. Que logo pode ser necesaria algunha adaptación? Seguramente. Os tempos cambian e cada vez máis seguramente as necesidades serán máis apremiantes pero creo que este núcleo esencial está ben concibido desde o principio e será o éxito o de que poida perdurar.
Por que cre que costa tanto alcanzar acordos para facer modificacións e adaptala aos cambios sociais?
A miña sensación é que o panorama político está posiblemente máis fragmentado que nunca. Eu creo que, tal como o percibo e calquera cidadán, igual é moi difícil neste contexto conseguir consensos. A clave da Constitución foron os consensos e a reforma constitucional esixe tamén ideas moi reforzadas. Hai moitos partidos pero, aparte, bloques moi marcados que parece que non queren encontrar un punto de acordo e así será imposible.
Cal é a idea en la que vai centrar o bando?
Incidirei na esencia da Consitución, nos perigos que poden axexar precisamente nestes tempos de fragmentación, división e sobre todo de proliferación de opinións que poden poñer en cuestión valores constitucionais incluso abertamente. Hai que valorar o que temos e crer nela.
Tamén se chegaron a poñer en dúbida o funcionamento dos mecanismos xudiciais.. Esa dúbida supón un risco?
Todo o cuestionamento das institucións, que poden estar sometidas a unha crítica razonable e é perfectamente viable, pero cando se vai un pouco mais alá, as constitucións entran en tensión e pódense poñer en perigo os equilibrios constitucionais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar