"Lembraba a uva Alvariño en Brasil polo meu avó, pero nunca máis a vin ata chegar a Vigo"

Wagner G. Barreira, autor de 'Demerara'

Publicado: 19 oct 2021 - 23:26 Actualizado: 21 oct 2021 - 00:44

Entrevista al escritor Wagner G. Barreira

Xornalista e escritor, Wagner G. Barreira (São Paulo, 1962) achegouse ata a redacción de Atlántico para presentar a súa novela “Demerara” coa que procura reconstruir a orixe do seu avó paterno, o vigués Bernardo Barreira, falecido o mesmo día que bautizaba o seu fillo.

Como xurde a idea de recuperar esta historia?

Non coñecía case nada do meu avó parterno. Sabía que era galego, nacido en Pontevedra; morrera había moito e a lenda familiar dicía que fora o mesmo día do bautismo do seu único fillo. Fun consultar na Hospedaría do Emigrante, onde gardan tódolos rexistros dos chegados a São Paulo. Alí descubrín que chegara a Brasil dende Vigo nun navío chamado “Demerara”. Despois decidín cubrir as lagoas con ficción. En 2017 viaxei a Vigo e establecín o seu nacemento en Traspielas, fixen pesquisas para contextualizar a narrativa. Tiven que aparcar o proxecto dous anos por unha encarga de non ficción e cando o retomei xurdíu o covid. Ao final resultou unha novela moi actual, xa que fala de pandemia, a da gripe española de 1918, a migración que é unha constante mundial e onde veu o meu avó. Entabla o presente co pasado, é un xeito de entender a nosa historia.

De feito, os acontecementos teñen lugar no contexto da gripe española que moitos poñen como o antecedente do que estamos a vivir. A experiencia co coronavirus servíu para achegarse a esa época?

Si. Aínda que sexan dúas pandemia diferentes, os tratamentos son moi semellantes, as máscaras e o distanciamento social. A gripe española matou a moita xente, espallándose axiña. As persoas comezaron a morrer na rúa. Iso non o vivimos co covid. Se aquela matou de 40.000 a 100.000 doentes, a deste século levouse cinco millóns. Tiven outro xeito de encarar a novela, estaba máis preocupado polos efectos que tiña na miña vida, a prohibición de saír, manterme lonxe dos meus amigos. Todo esto acabou por influenciar. A primeira parte, a ambientada en Vigo, está escrita antes e é moito máis social, a segunda ten máis de introvertida, de análise da vida.

As persoaxes tamén desprenden esa esperanza de melloría trala pandemia, algo moi escoitado nos nosos días.

En Brasil chámanlle o “novo normal”, pero non ten nada de normal. O proceso de inmunización está a ser moi lento, gran parte da poboación puxo a vacina chinesa que é menos efectiva que as outras e agora teñen poñer reforzos. A nivel social, o mundo das apertas xa non voltará máis, acabouse. En canto a economía, o Goberno xestionou a pandemia de xeito case criminal. Tardou en mercar as vacinas e baseouse na inmunidade de rebaño, algo moi cuestionado. Agora aínda morren máis de 500 persoas ao día, máis que nun accidente de avión. A inflacción está no 10%, moitas empresas pecharon e tamén o pequeno comercio que non volverá a abrir. E así ata as eleccións do vindeiro ano.

Volvendo á novela, para esa primeira parte botou man de arquivos locais e do Instituto de Estudios Vigueses. Como foi esa colaboración?

Foi moi importante. O presidente do Instituto, Xoán Carlos Abad ten un libro sobre a gripe de 1918 en Vigo. O meu protagonista marchou da cidade xusto antes de que afectase de xeito máis virulento, pero o seu libro axudoume a entender como era ese tempo. José Luis Mateo, amigo moi querido, tamén do Instituto, sinaloume libros interesantes sobre Vigo, alá descubrín a importancia que tivo na Primeira Gran Guerra coa presenza do Cable Inglés e do Alemán, de aí xorde a figura do Coxo que axuda a abastecer aos submarinos alemáns. Outro amigo, Bará, levoume a ver Traspiela; foi moi importante porque alí descubrín dúas oliveiras no adro da igrexa.

Precisamente cando Bernardo marcha, despídese da oliveira de Vigo. Por que esa carga simbólica?

A través da árbore pódese entender a raigame das persoas á terra, como se fora unha raíz . Hai outro personaxe, Manuel o portugués, o meu avó materno, que pranta na rexión a uva albariño. Eu lembraba esa uva no Brasil polo meu avó que nunca máis a vin ata que cheguei a Vigo. Creou un universo simbólico e botou raíces na nova terra; Bernardo, non, nunca foi un emigrante, el sempre quixo volver.

Amosan distintos perfís da migración, segue Brasil a ser un país receptor?

Menos. Reducíuse o fluxo migratorio, ninguén quere vir a un país en crise. As últimas ondas entraron por un lado de América, bolivianos e de África, angoleños polo idioma e moito nixeriano; por outro lado, chegaron coreanos con diñeiro para investir en industrias como a textil, da que controlan a súa producción. Os bolivianos son a súa man de obra barata, case exclavos, aos que atende a Igrexa católica. Había barrios que antes eran italianos e agora son bolivianos.

Saíu pois una novela ambientada hai cen anos moi actual e cun final aberto, haberá segunda parte?

Traballo na continuación, sobre a revolución de 1924, onde a federación bombardeou os barrios de emigrantes. Nese libro aparecen algúns personaxes de “Demerara”. Quero completar o ciclo dende a migración ata a chegada de democracia.

É a historia do país de xeito parello ao da súa familia. De aí a importancia de publicar en galego?

Esta novela supuxo ver o meu avó de volta a través da súa lingua natal. É moi emocionante.

Contenido patrocinado

stats