Ledicia Costas: "O lector que me sigue agarda esa sorpresa, ese cambio de xénero en cada novo libro”
“Estou entusiasmada coa aposta estética de Ramón Domínguez Veiga”, afirma a autora, que recibiu a Atlántico TV nun dos recunchos do xardín da Fundación Sales
Entre unha fraga de bambús e araucanas xigantes do Bosque dos Condenados transcorre a cacería de Kiran, o protagonista do novo libro de Ledicia Costas, “Soños de Lunaria” (Xerais), a primeira novela en galego de Romantasy (Romance máis fantasía), e a primeira publicada por unha editorial galega cos cantos pintados. “Estou entusiasmada coa aposta estética de Ramón Domínguez Veiga”, afirma a autora, que recibiu a Atlántico TV nun dos recunchos do xardín da Fundación Sales (Avenida de Europa, 52). Alí, no medio de especies botánicas singulares tamén presentes no seu universo de Lunaria, falou da súa nova proposta literaria.
Con respecto ao seu libro anterior, “Pel de cordeiro” é un novo xiro na súa traxectoria, experimentando cun novo xénero. Por que agora aposta pola fantasía?
En realidade, a mí me gustou a fantasía de sempre e a fantasía está presente en moitos dos meus libros: en “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”, en “A balada dos unicornios”, na propia “Escarlatina, a cociñeira defunta” e en “Esmeraldina, a pequena defunta” ou en “A señorita Bubble”. É certo que este libro enmárcase deliberadamente nesa etiqueta tan popular nos últimos tempos que se chama fantasía romántica. Hai unha aposta dobre, do contido e tamén da estética. Está todo feito ao detalle nunha edición a cargo de Xerais. Nunca mellor dito, é unha verdadeira fantasía do ilustrador Iván R., con quen xa tivera ocasión de traballar anteriormente. O tema dos cantos tintados para as persoas como a min, que somos tan fans dos libros bonitos, é unha marabilla. Encántanme os libros obxecto, eses libros que vexo nos andeis das librarías e non me podo resistir a coller para levar comigo para a casa. Pois, aquí está un deses libros. Estou encantada.
É certo que en distintas vertentes a fantasía está na súa obra, pero nesta ocasión, é unha aposta directa para o que se denomina público adulto.
Si, creo que este libro é un tipo de historia que abrangue un abano moi amplo de idades, desde os 13, 14, 15 anos en diante, sen límite cara arriba. Ademais, pode gozar diverso tipo de público: ao que lle gusta a fantasía, o que busca distopías, o das historias de aventura trepidantes e adictivas, o das románticas, incluso o das políticas. Atopeime moi cómoda, porque se ben é certo que o tema da emoción está moi presente, hai un equilibrio. É unha historia sobre o dereito a rebelarse, sobre a igualdade.
Lembra un pouco esas películas de ciencia ficción sobre distopías.
Gustáronme desde sempre, desde moi cativa, ese tipo de historias que parece que de súpeto te trasladas a ese mundo, que te atrapan, que estás aí dentro e non queres que rematen, queres mais, mais e mais.
Non é arriscado para unha escritora un cambio tan radical de xénero?
Creo que o público que me leva seguindo tantos anos agarda esa sorpresa en cada novo libro. “Infamia”, “Golpes de Luz”, “Pel de Cordeiro” ou “Escarlatina” son libros que mesmo poderia parecer que escribiu unha autora diferente. Pero se ben iso é certo, tamén é verdade que hai unha serie de cuestións que son centrais na miña obra que a atravesan de adiante a atrás. Sempre trato o tema da violencia, das desigualdades, do diferente, todo iso está aquí dentro tamén. Quero dicir, quen lea esta novela, vai a topar 100% unha novela de Ledicia Costas. Por iso estou moi tranquila. Moitas leitoras con certa frecuencia, dinme, “a ver con que nos sorprendes agora”. Creo que se fixera unha novela semellante a outra que fixen anteriormente, veríase un chisco raro.
Pódese falar entón da marca “Ledicia Costas”?
Si, a día de hoxe, por fortuna, teño esa sensación. Ao logo dos 26 anos desde que publiquei o meu primeiro libro, hai moita rapazallada que empezou léndome en Primaria e xa no mercado laboral segue a ler os meus libros. Síntome moi acompañada.
É moi activa no encontro cos lectores. Ese apoio terá que ver con ese achegamento?
Para mí, o encontro co público paréceme esencial para tomar esa temperatura, para poder ter o seu feedback, para escoitar as persoas que me len. Cando moitas lectoras me din a mesma cousa dun libro, non se equivocan, tanto no lado positivo como negativo. Se recibo unha crítica con respeito a unha trama, digo, “caramba! Ten razón”. Iso tamén me axuda a facer autocrítica, a reflexionar. É imposible saber o que espera o público de ti, porque é grande, variado, heteroxéneo, pero na medida do posible, gústame manter ese contacto.
Retomando coa novela. Amais das tramas secundarias, os dous protagonistas comenzan unha historia que queda aí en suspenso. Hai unha revolución por facer. Para cando a segunda parte?
Moita xente que ainda non leu a novela, xa se decatou que baixo o título “Soños de Lunaria” hai o subtítulo “Coroa de Espiño”, e xa dan por feito que é unha primeira entrega. Efectivamente, todo o universo que construín queda aberto para poder seguir afondando na vida destes personaxes que teñen moito que dicir.
Utilizou tamén ese xeito tan seu de planificar universos imaxinarios nun taboleiro?
Sí, gústame moito toda esa parte de ir construindo o mundo. Non é só escribir unha historia. A min, o que máis me tira é crear universos e ir enriquecéndoos. Nesta novela ten especial importancia porque estamos falando dun continente chamado Lunaria cunha chea de regións, oceanos, mares, moitísimas localizacións e personaxes diversos. Non hai só seres humanos, nese continente conviven cos teriántropos. Conviven baixo unha suposta paz que vai quebrar desde o principio da historia.
Podería dar o salto á pantalla?
Parece moi difícil que ocorra. Aínda que tamén semellaba moi complicado que ocorrese con “Infamia” e axiña se vai estrear con HBO. Isto é unha historia de fantasía e a envergadura é diferente a hora de dar ese salto ao audiovisual. Pero quen sabe? Nos deixamos aí a semente e cruzamos os dedos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar