O laboratorio das linguas

Universidade

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolle unha infraestrutura punteira no eido da investigación das Humanidades que, ademais, mestura a linguaxe con outras disciplinas do coñecemento

Rosalía Rodríguez Vázquez e Miguel Cuevas Alonso, directores do laboratorio.
Rosalía Rodríguez Vázquez e Miguel Cuevas Alonso, directores do laboratorio.

Dende hai algo máis de oito anos, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo conta cunha importante infraestrutura de investigación experimental: o laboratorio de linguaxe e cognición. Nacido en 2017 como un laboratorio de fonética experimental con equipamento básico, este proxecto medrou ata a súa inauguración en novembro de 2018 coa súa actual denominación e un importante espaldarazo económico grazas á concesión dun ‘Proxecto de Grandes Infraestruturas’ por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación. A día de hoxe é unha ferramenta clave para a investigación en Humanidades, non só na UVigo, senón tamén a nivel galego e incluso nacional.

Os seus directores, Rosalía Rodríguez Vázquez e Miguel Cuevas Alonso (ambos investigadores do grupo LVTC, Language Variation and Textual Categorisation), sinalan que esta infraestrutura naceu “coa vocación de investigar cuestións no eido da Lingüística de xeito experimental, poñendo esta disciplina en diálogo con outras como a psicoloxía, as ciencias cognitivas, a neurociencia, a música ou mesmo a medicina”. Ambos aseguran que a demanda crecente de enfoques experimentais e interdisciplinarios para estudar a linguaxe dende este tipo de perspectivas levou á necesidade de crear esta infraestrutura, que permite “aliñar a investigación con algúns dos ámbitos máis novidosos na lingüística actual”. A percepción e a produción da linguaxe, da memoria, da atención, do bilingüismo ou das actitudes cara ás linguas son só algúns exemplos do que este laboratorio permite estudar.

Para logralo, está plenamente equipado con sistemas de gravación e análise acústica da fala, software específico, equipamento de electroencefalografía (EEG), tecnoloxía NIRS (espectroscopía do infravermello próximo) para o estudo da actividade cerebral, ‘eyetrackers’ (seguimento de ollos) para a análise do comportamento visual durante o procesamento lingüístico e diversos sensores de electromiografía. Como explican Rodríguez e Cuevas, todos estes aparellos permiten aos investigadores “abordar o estudo da linguaxe combinando datos acústicos, conductuais e neurofisiolóxicos”.

Os proxectos de investigación que fan uso destas instalacións na Facultade de Filoloxía e Tradución xiran arredor de tres eixos principais. O primeiro deles é a conexión entre linguaxe, música e emocións, “analizando como o ritmo das linguas e a formación musical inflúen na identificación cognitiva e na resposta ás emocións transmitidas pola fala”, precisan os directores do laboratorio. Outro é a análise dos patróns que se atopan tras a adquisición da linguaxe en nenos e nenas coa finalidade de identificar patróns lingüísticos asociados a distintas enfermidades ou síndromes. O terceiro e último eixo afonda no procesamento da linguaxe no cerebro: “Na actualidade estamos a iniciar unha liña de traballo que busca investigar, dende unha perspectiva experimental, as actitudes implícitas cara ás linguas”, precisan Rodríguez e Cuevas.

Imaxe do equipamento de encefalografía do laboratorio de linguaxe e cognición da UVigo.
Imaxe do equipamento de encefalografía do laboratorio de linguaxe e cognición da UVigo.

A concepción deste laboratorio foi dende un principio multi e interdisciplinario, e como apuntan os seus directores, “mantén colaboracións con outros grupos de investigación da Universidade de Vigo e doutras universidades, tanto a nivel estatal como internacional”. Grazas a isto, hai fortes vínculos con, por exemplo, investigadores de diversos laboratorios da Universidade de Nova York. Alí, Rosalía Rodríguez pasou seis meses investigando a relación entre o grao de coñecementos e experiencias musicais, as linguas faladas e o procesamento de emocións nunha lingua estranxeira. Como tanto ela como Miguel Cuevas puntualizan, grazas ao laboratorio mantéñense relacións de investigacións co Centro de Neurociencias Cognitivas da Universidade de San Andrés (Arxentina), o Centro Internacional de Estudios Superiores del Español, o Centro de Investigación para el Análisis del Discurso (Romanía) ou o Instituto Universitario de Neurociencias da Universidade da Laguna, en Canarias.

Aínda que a pandemia freou lixeiramente a actividade do laboratorio, xa está plenamente consolidado na actividade investigadora da facultade e agora os directores xa pensan en como lograr que siga medrando: “Hai plans para continuar ampliando tanto o equipamento como os usos do laboratorio incorporando tecnoloxías máis avanzadas. Tamén pretendemos reforzar o seu papel como espazo de investigación, formación e transferencia, consolidándoo como un laboratorio de referencia en estudos sobre linguaxe e cognición en Galicia e no contexto internacional”. Xa se están realizando teses de doutoramento no seu seo e o obxectivo de Cuevas e Rodríguez e consolidar un grupo de traballo estable e interdisciplinario arredor deste espazo.

Contenido patrocinado

stats