Seis investigadoras, premiadas co Sofía Novoa da Deputación

Publicado: 14 ene 2023 - 00:27

Carmela Silva, coas seis premiadas nesta edición co Sofía Novoa.
Carmela Silva, coas seis premiadas nesta edición co Sofía Novoa.

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo foi un ano máis o escenario da entrega dos Premios Sofía Novoa, cos que a institución e a Universidade de Vigo premian a integración da perspectiva de xénero nos Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster presentados no curso académico 2021-2022 nos campus da provincia. Os galardóns, que chegaron xa á súa 7ª edición, recaeron nas mozas Raquel Álvarez (Bueu), Nuria Bouzas (Catoira), Alba Fernández (Vigo), Emma Juncal (Moaña), Rebeca López (Vigo) e Elena Moldes (Sanxenxo).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, entregou os premios nun acto conducido pola actriz e contadora Cris Collazo (caracterizada como Sofía Novoa da que fixo unha particularísima semblanza), e no que non faltou a música, disciplina na que precisamente salientou Novoa Ortiz, a cargo da pianista Laura Zapatero Barreiro. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, reivindicou a perspectiva de xénero no ámbito académico como un instrumento “fundamental para frear as desigualdades que sofren as mulleres”. A Deputación recoñece e visibiliza a figura histórica de Sofía Novoa Ortiz, unha muller silenciada, pedagoga que loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos.

Contenido patrocinado

stats