Homenaxe popular na compra ás letras de Begoña

Vegalsa-Eroski repartirá marcapáxinas e bolsas con serigrafía especial polas Letras Galegas, e colgará carteis nas tendas

Presentación de Vegalsa Eroski do Día das Letras Galegas
Presentación de Vegalsa Eroski do Día das Letras Galegas | Vicente Alonso

Vegalsa-Eroski presentou onte no Eroski Center Portanet a súa campaña do Día das Letras Galegas 2026, adicadas á escritora Begoña Caamaño. A iniciativa, froito da colaboración coa Xunta de Galicia, estenderase a 150 establecementos de Galicia mediante carteis elaborados polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Ribadavia e bolsas de compra de edición especial. Durante o sábado 16 de maio, os establecementos Autoservicios Familia e os Eroski Center Vigo tamén repartirán marcapáxinas coa imaxe da campaña deste ano ata esgotar existencias. A maiores, o propio día 17 de maio, a compañía activará un sorteo especial no seu perfil de Instagram.

O director de hipermercados, supermercados e gasolineiras de Vegalsa-Eroski, Florentino Vázquez, abriu o acto destacando o simbolismo da celebración na cidade natal da autora: “É unha ledicia estar neste Eroski Center de Portanet celebrando un día tan especial na cidade onde naceu”. Vázquez salientou o compromiso da xornalista coa información veraz e explicou que “alentamos a todos os nosos clientes a que sigan este camiño da maxia e das historias que é a lectura”.

Pola súa banda, a académica da Real Academia Galega, Dolores Sánchez, subliñou a relevancia da figura homenaxeada e o seu carácter múltiple. “Begoña Caamaño é unha figura poliédrica”, afirmou, lembrando as súas facetas como novelista, xornalista e activista. Destacou tamén o seu compromiso “coa información obxectiva e veraz” e coa sociedade, e fixo fincapé na necesidade de referentes coma ela. “Necesitamos moitas máis Begoñas Caamaño”, rematou.

A intervención máis emotiva chegou da man de Beatriz Caamaño, irmá da escritora, quen agradeceu a homenaxe e a implicación da empresa privada: “Non podedes imaxinar a alegría e a emoción que unha sente cando escoita falar así da súa irmá”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, puxo o foco na dimensión social e lingüística da campaña e na súa capacidade de achegar as Día das Letras Galegas á cidadanía: “Temos que querer a lingua, falala e usala no día a día”. Defendeu a necesidade de implicación colectiva e advertiu: “O peor galego é o que non se fala”. García destacou tamén o valor dunha campaña que “dálle dinamismo ás Letras Galegas” e que contribúe a normalizar o uso do galego en todos os ámbitos da vida cotiá.

No acto participaron Irasema Dámaso, representante RSE Vegalsa-Eroski; María Dolores Sánchez, académica de número e membro da directiva da RAG; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Florentino Vázquez, director Eroski en Vegalsa-Eroski; Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada; Miguel Montenegro, xefe de zona Vigo Eroski en Vegalsa-Eroski e Rebeca Garrido, xefa de tenda Eroski Center Portanet.

Contenido patrocinado

stats