Letras radicalmente vitais e utópicas de Begoña Caamaño

A autora homenaxeada o 17M foi intelectual viaxeira, feminista, antimilitarista e sempre rebelde

Begoña Caamaño, nunha das imaxes dela que difundiu a Academia neste 2026.
Begoña Caamaño, nunha das imaxes dela que difundiu a Academia neste 2026. | RAG

“Atenta lectora da realidade social, audaz nas súas formulacións, vibrante no debate, Begoña Caamaño, viaxeira curiosa á procura do encontro co outro, do recoñecemento da diferenza, implícase na defensa dos dereitos humanos, o pacifismo, a solidariedade, a dignidade, a liberdade, con sólidas conviccións mobilízase na crítica da inxustiza social, as opresións, o poder o os seus abusos, as desigualdades e os privilexios”, di o acordo de xuño do ano pasado no que a Real Academia Galega (RAG) decidiu adicar as Letras 2026 á escritora viguesa.

Begoña Caamaño debutou na madurez como narradora, aos 45 anos de idade, con “Circe ou o pracer do azul” (2009). A este título seguiulle “Morgana en Esmelle” (2012), cuxa publicación cadrou co diagnóstico do cancro que acabou dous anos despois coa súa vida, cando acababa de facer os 50 anos.

Quen foi Begoña Caamaño?

Begoña Caamaño Rascado naceu en Vigo o 14 de outubro de 1964, no seo dunha familia do barrio do Calvario. Filla de Carmen Rascado e Roberto Caamaño, creceu nun ambiente onde a lectura tiña casa propia: a nai lía en voz alta ao pé da cama e o avó inventaba historias. Esas primeiras sementes de imaxinación e palabra acompañarona toda a vida. Lectora precoz dos clásicos -Homero, Dickens, Dumas-, xa daquela botou de menos nas páxinas que devorou a moza rebelde coa que identificarse. Esa insatisfacción fundacional converteuse, décadas máis tarde, no xerme da súa obra narrativa.

Despois de cursar Maxisterio na Escola Universitaria de Vigo, atopou na radio o seu lugar no mundo. En novembro de 1986 incorporouse á redacción de Radio Popular e dous anos despois á delegación da Radio Galega en Vigo, onde cubriu as grandes mobilizacións obreiras que marcaron aquela cidade convulsa da reconversión naval. En 1992 trasladouse á sede central en Santiago de Compostela, onde desenvolveu a maior parte da súa traxectoria ata 2012. Na Radio Galega foi xornalista de informativos, responsable de programas culturais como o Diario Cultural e creadora de proxectos propios como Andando a Terra, un espazo radiofónico de referencia que percorría as culturas do mundo con rigor, sensibilidade e perspectiva de xénero.

Compromiso

Mais Begoña Caamaño non foi só xornalista. Foi tamén unha cidadá entregada, presidenta do Comité Interempresas entre 2000 e 2003, voz activa contra a manipulación informativa nos medios públicos. E foi, sobre todo, feminista convicta: formou parte de Mulleres Nacionalistas Galegas, implicouse na Marcha Mundial das Mulleres, colaborou en publicacións como Festa da Palabra Silenciada e participou en decenas de xornadas, manifiestos e accións colectivas. O antimilitarismo, a defensa do aborto, a denuncia da violencia de xénero e a loita pola soberanía galega atravesan como fíos vermellos unha biografía política coherente e comprometida. Para ela, o feminismo non era unha postura: era “unha cosmovisión, un xeito de entender o mundo”.

As viaxes foron outra escola. Cuba, Nicaragua, Senegal, Chiapas, Arxentina, Holanda... Viaxar era, dicía ela, “ler o mundo sen intermediarios”. Cada desprazamento nutría a xornalista e a pensadora, amplificaba as súas preguntas e enriquecía un pensamento que nunca deixou de moverse. Esa inquedanza intelectual e ese compromiso coa realidade foron os que, chegados os corenta e cinco anos, a empuxaron cara á ficción.

Os mitos

En 2009 publicou “Circe ou o pracer do azul”, a súa primeira novela, e abraiou a crítica e o público pola súa madurez literaria, a súa escrita tersa e a súa ousadía conceptual. A obra revisita a Odisea desde a perspectiva de Circe e Penélope, devolvéndolles voz e axencia a dúas figuras femininas relegadas polo canon. Tres anos despois, “Morgana en Esmelle” (2012) afondou nesa senda revisando o ciclo artúrico para formular un debate contemporáneo sobre o poder, a ética e os modelos de transformación social. Dúas novelas, dúas revisitacións dos mitos, dúas declaracións de principios dunha escritora que escribía, confesa, “porque sentín a necesidade de me ler a min mesma”.

Sherezade

Preparaba unha terceira novela -en torno á figura de Sherezade, que pechase a triloxía dos mitos- cando en 2012 lle diagnosticaron un cancro. Faleceu o 27 de outubro de 2014, recén cumpridos os cincuenta anos, deixando truncada unha carreira literaria que prometía moito máis. A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas 2026, recoñecendo así non só a calidade dunha obra que abriu novas sendas na narrativa galega contemporánea, senón tamén o legado dunha vida entregada ao xornalismo de calidade, ao feminismo liberador e á construción dun país máis libre e máis xusto. Definitivamente utópica, radicalmente vital: así a define Ana Romaní, e así permanece.

Contenido patrocinado

stats