García Mateo aposta por un grao e doutoramento en Medicina
Universidade
A catedrática en Teoría do Sinal presentou onte en Redeiras a súa candidatura ao Reitorado da UVigo, un proxecto co que aspira a pasar “da improvisación á solvencia”
Acompañada de compañeiros de distintos ámbitos e campus da UVigo, a catedrática en Teoría do Sinal e Comunicacións Carmen García Mateo presentou onte no edificio Redeiras a súa candidatura para as eleccións á Reitoría da institución viguesa que se celebrarán en 2026. Baixo o lema “Todas as persoas, un proxecto”, García Mateo sinalou dende o principio que era hora de “dar un paso adiante colectivo” para que a Universidade poida dar “un salto de calidade e proxectarse con liderado cara aos retos presentes e futuros”.
A candidata do grupo Nós-Universidade recoñeceu que decidiu dar este paso á fronte “porque teño a experiencia e a bagaxe necesarias para contribuír a un proxecto que restableza a confianza na Reitoría da nosa comunidade”, porque a Universidade de Vigo é “ante todo, un proxecto colectivo ao servicio do país”.
García Mateo foi moi clara no seu posicionamento nun dos temas máis candentes da actualidade universitaria, o grao en Medicina: “Creo que a UVigo pode afrontar, en colaboración coa Area Sanitaria de Vigo, o reto de poñer en marcha os estudios de Medicina, tanto de grao como de doutoramento. Porque non só hai que formar profesionais médicos, senón tamén investigadores, doutores, que poidan nutrir eses estudios”. Tamén chamou a facelo “sen improvisación e con moita planificación”, celebrando a expresión de interese solicitada pola Universidade no pasado consello de goberno.
É a segunda candidata muller que se presenta para os comicios tras o anuncio de Belén Rubio como sucesora de Manuel Reigosa, actual reitor, por parte do grupo H2040. García Mateo valorouno como “unha normalización da situación actual, xa que nas direccións dos grupos de investigación hai unha representación feminina prácticamente igualitaria”.
Aínda que todavía non están decididos os eixos principais da campaña nin os aspirantes aos distintos cargos, a candidata de Nós-Universidade avanzou que contará “coa enerxía e o coñecemento de todas as persoas, distribuíndo o protagonismo entre todos os campos e disciplinas”.
“A UVigo ten marxe para medrar fixándose non só nos ránkings”
Que a levou a presentarse ás eleccións?
Foi un proceso de maduración. Persoal e profesionalmente estou nunha etapa na que podo dedicarme a este proxecto de forma completa. E a miña experiencia, a miña solvencia, o feito de que coñezo todos os centros pola miña etapa como vicerreitora animáronme a recuperar a ilusión por un proxecto colectivo.
Foi vicerreitora de Titulacións entre 2006 e 2010. Como cambiou a UVigo dende aquela?
Aquela época foi crucial. Non houbo un cambio tan grande dende entón (refírese ao plan Bolonia). Os graos que puxemos en marcha nese tempo perviven. Dende o punto de vista de investigación, transferencia e innovación, a UVigo medrou e ten unha calidade excepcional en moitos ámbitos. Pero non houbo tantísimos cambios estruturais.
Cales son as maiores eivas que percibe na Universidade?
O que se evidencia neste equipo de goberno, especialmente no último mandato, é unha falta de cohesión e un distanciamento da comunidade. Iso está creando un malestar moi grande no persoal de servizos. Todo o relacionado cos recursos humanos é moi mellorable. Non estamos nunha situación catastrófica, pero hai moita marxe de mellora. Falta diálogo efectivo e creo que é necesaria unha forma de traballar diferente.
O actual equipo de goberno quería deixar á UVigo entre as 500 mellores no Ránking Shanghai e semella que non será posible. Cre que se conseguirá?
A UVigo é excelente en moitos ámbitos con solvencia. Hai aspectos dos ránkings, aínda que sexan moi importantes e haxa que prestarlles atención, que nós non vamos conseguir. E intentar facer cousas desviándonos do foco no que temos que estar de cara a estar mellor nos ránkings o que crea é frustración. Por exemplo, no tema dos 'papers'. Os currículums dos investigadores xa non se van avaliar polo 'peso, polo número de 'papers', senón que vas ter que contar en que eres experto dunha forma máis cualitativa e avaliarase a investigación a nivel individual e a nivel colectivo. Aí é onde temos que ter fortalezas, que os equipos de investigación sexan moi potentes e moi competitivos. Os ránkings son importantes e oxalá estiveramos máis altos, pero ao mellor estamos onde temos que estar. Se podemos ir mellorando de forma natural, solvente e estable no tempo, perfecto. Pero para estar aí fai falta financiamento, non todo é culpa do equipo de goberno. A universidade pública necesita unha inversión decidida.
O último ano marcou récords de captación en investigación na UVigo. Hai marxe para seguir medrando ou chegouse ao teito?
Para nada, hai moita marxe para seguir medrando. Hai que seguir traballando niso. Os investigadores excelentes van a seguir séndoo se as condicións de traballo son as adecuadas. Pero temos que prestar atención a todos os ámbitos. Todos teñen que progresar, pero algúns parten dunha posición diferente. E hai que ir camiñando hacia aí.
Hai espazo para a IA na universidade?
Por suposto. É unha ferramenta potentísima que xa permea a todos os ámbitos universitarios e non universitarios. Hai que usala sabendo o que hai por detrás, os riscos e os sesgos que ten e con transparencia e honestidade. Débese usar para a docencia, tanto alumnos como profesores. Por exemplo, en Teleco acabamos de ter un curso para estudantes de doctorado sobre como empregar estas ferramentas. Un uso razonable e responsable e mantendo o compoñente humano. Eu véxoa como unha ferramenta que nos obliga a cambiar os nosos métodos adaptándoa ao que nós perseguimos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar