O galeguismo vigués chora o pasamento de Quico Domínguez

Padroeiro da Fundación Penzol, faleceu aos 80 anos. Mañá haberá un funeral na igrexa do Sagrado Corazón

Francisco Domínguez, no seu último acto público hai dous anos.
Francisco Domínguez, no seu último acto público hai dous anos.

O ano rematou de loito para o galeguismo vigués co pasamento de Francisco Domínguez Martínez (Ribeira, 1944/ Vigo, 2024). Galeguista dende a mocidade, substituíu a Francisco Fernández del Riego ao fronte da Fundación Penzol en 2010 ata 2021, na que retirou da dirección, pero continuou a ser padroeiro. “Sentimos unha fonda dor na Fundación polo seu falecemento”. Así daban a nova en redes sociais, asegurando que fixo da causa galega “una das súas razóns de ser”. Amais de refundar o Partido Galeguista e ser o seu secretario de 1978 a 1982, foi presidente da Editorial SEPT e un dos impulsores da Biblia en galego, así como accionista e conselleiro de Galaxia. “Pola súa coherencia vital e a fidelidade aos seus principios éticos, foi un exemplo a seguir para todos nós”, afirman dende a Penzol.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes foi dos primeiros en reaccionar, comentando que se van os mellores: “Perdemos unha gran persoa e un galego de lei”. Tras louvar a súa lealdade e xenerosidade, deulle as grazas por todo. O crítico literario e escritor, Ramón Nicolás asegurou que o botará de menos: “Estimábao moito e respectábao intelectual e humanamente, xeneroso e íntegro, cordial e sempre próximo”. Cándido Pérez Betanzos, do movemento veciñal, destacou o sue compromiso “coa lingua, o país e as persoas”.

A docente e escritora Malores Villanueva, compañeira na Fundación Penzol, recoñece que “aínda que o desenlace era agardado, non por iso atenúa a dor”. Na súa homenaxe en redes lembrou o seu último acto público, hai dous anos, na presentación da biografía de Villanueva sobre Don Paco: “Púidena redactar grazas, en boa parte, aos seus apuntamentos e á súa prodixiosa memoria”. Apunta que foron 20 anos de amizade. “Era un home de fe, bondadoso, dirixiu Cáritas, pero no precisaba cargos para facer o ben. Hoxe non quixo flores, eses cartos preferiu que os destinasen a un donativo. Quico segue a dar exemplo ata o final”.

O 31 tivo lugar o velorio no tanatorio de Pereiró, onde os seus restos foron incinerados onte a seguir dun oficio relixioso. Mañá, ás 20 horas, terá lugar o funeral na parroquia do Sagrado Corazón, igrexa da rúa Rosalía de Castro.

Contenido patrocinado

stats