O galego que fixo desculpar a un presidente do Goberno
A Fundación Penzol rende homenaxe a Antonio Pérez Prado, un patriota na diáspora, no centenario do seu nacemento cunha mesa redonda na Casa Galega da Cultura
Foi un galego de segunda xeración, nado en Bos Aires en 1926, pero que sentiu a terra ata o punto de converterse nun activista da colectividade galega na diáspora e manter contacto cos principais intelectuais en Galicia. Hoxe, ás 19 horas, a Fundación Penzol lembrará a súa pegada nunha xornada co gallo do seu centenario, coordinadas por Malós Cabrera e nas que participará Xan Carballa, xornalista e amigo persoal do homenaxeado.
“Era unha persoa cultísima, cunha vida azarosa e cunha erudición destacada e un sentido de humor retranqueiro”, apuntou Carballa en declaracións a Atlántico. Para el, a mellor mostra do seu compromiso foi a denuncia en 1993 que lle puxo á Editorial Planeta e a Pepe Muleiro polo libro “Los más inteligentes chistes de gallegos”. “Parodiábase aos galegos con burlas que denigran ao migrante, presentándoos como parvos ou subhumanos. Presentouna no xulgado, pero nos tribunais non lle fixeron caso e non se tramitou, mais logrou unha gran cobertura mediática que levou ao presidente de Arxentina, Carlos Menem, de visita oficial ao ano seguinte en Galicia, a desculparse publicamente pola falta de respecto aos galegos”. Tal e como explicou relator, aínda que non logrou que se retirase a publicación, un éxito en ventas, non se volvou a reeditar. A decisión de xudicializar tomouna con dous amigos, que finalmente non deron o paso por medo a que reacción da editorial supuxera unha perda económica. “Non me poden quitar o que non teño”, dixo entón Pérez Prado e seguiu só.
Por parte de Muleiro (alcume que agocha ao escritor Ricardo Parrotta), ante a polémica xerada declarou non ter nada contra os galegos, que tan só recollera os ditos populares. De feito, máis tarde publicaría “Los gallegos toman la revancha”, unha escolma de chistes da comunidade galega sobre outras nacionalidades.
Outro dos puntos reseñables da biografía de Pérez Prado da que se tratará na mesa redonda é a súa participación como guionista no documental “Castelao” (1980), do director Jorge Prelorán. “Foi moi comentada súa estrea na TVG de Fraga, mercaron os dereitos e proxectaron a cinta mutilada, cortáronlle 20 minutos de sátira á monarquía, algo moi destacado na obra de Castelao”, sinalou Carballa. Asemade, Pérez Prado foi autor dun libro de referencia na diáspora: “Los gallegos y Buenos Aires” (1973), do que dicía ter improvisado un chisco, xa que non sabía de que escribir cando llo encargaron.
“É unha figura moi pouco coñecida e dende a Fundación Penzol queremos darlle visibilidade e incitar a investigación do seu legado”, afirmou Malós Cabrera. “Mantivo correspondencia con intelectuais en Galicia como Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Otero Pedrayo ou Domingo García-Sabell. Nunha carta a Fernández del Riego exprésalle o seu desexo de que o seu arquivo e biblioteca fora depositada nos fondos da Penzol. As súa filla Aixa cumpriu a súa vontade en 2012 e coa colaboración do Consello da Cultura Galega trouxemos os documentos para Vigo, onde a temos a disposición dos estudosos”.
O acto adicado a súa memoria pretende ser un primeiro chanzo para a posta en valor desta doazón. Amais de Carballa, participará a historiadora Emilia García López, especialista na recuperación documental da diáspora e do exilio galego, que contextualizará a Arxentina de Pérez Prado. Pechará as intervencións Silvestre Gómez, presidente da editorial Sept e membro do Padroado da Penzol, quen falará das coleccións máis destacadas que custodian.
Setenta caixas de fondos persoais na Penzol
Os fondos de Antonio Pérez Prado doados á Fundación Penzol ocupan sete metros lineais, que corresponden con 70 caixas. A súa clasificación por contidos pode consultarse na web da fundación, aínda que os documentos non están dixitalizados. Para Silvestre Gómez, a ampla variedade temática pódese distribuír en catro bloques. O primeiro, o relacionado co labor profesional como médico hematólogo. Inclúen informes e pulbicacións en revistas científicas, e os outros tres, están relacionados coa súa faciana cultural. “Destacou máis como divulgador que como investigador, con presenza en xornais e radios de Bos Aires, así como manuscritos impresos”, apuntou o padroeiro.
A correspondencia, cunhas 1.700 cartas, conforman unha parte importante dos fondos. Completan o arquivo coleccións como a adicada aos seus 150 debuxos, a denuncia á Editorial Galaxia ou a carpeta adicada ao cineasta Jorge Prelorán, “inclúa a súa foto na cea na Casa Blanca con Reagan”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar