Antón Reixa: “Escribir para outros vai contra o meu adn de poeta, que se pasa a vida a tentar atopar a súa voz”
ANTÓN REIXA. Artista multidisciplinar, actúa o 27 no Mar de Vigo
Antón Reixa (Vigo, 1957) regresa a súa cidade natal cunha nova proposta, “Melancoholemia”, un monólogo que ofrecerá o vindeiro venres, ás 22:30 horas, no Auditorio Mar de Vigo. “Estou nervoso, porque é moi importante para min representar nesta cidade, cando as cousas empezan en Vigo son as definitivas, hai un ano presentamos o último disco de Os Resentidos, en novembro estiven con Rompente no Marco e agora veño só; sen o respaldo dos compañeiros, síntome un pouco desvalido, gustaríame que viñese a xente a verme”, explicou o artista multidisciplinar en Atlántico TV, por onde pasou para falar deste show e da súa traxectoria.
Que é “Melancoholemia”?
Imaxina que en lugar de controis de alcoholemia, medíranos os niveis de melancoholemia, non hai indicativos máximos, temos que convivir con ela. O show é un monólogo no que interpreto un texto que fixen para min. Dende sempre me resultou difícil escribir para outros, vai contra o meu ADN de poeta, ese que se pasa a vida a tentar atopar a súa voz. O público é convidado a visitar unha institución mental nunha xornada de portas abertas e eu son un paciente a quen lle encargan facer algo entretido. Acaba simulando un relato alucinante dun tal Mamarracho, unha viaxe alucinatoria que comeza no mapa histórico de Galicia, realizado por Domingo Fontán, pasa polo Xardín das Delicias de El Bosco, polas pinturas negras de Goya ou polo Sorolla que retratou unha Galicia mediterránea para acabar chegando a un feito acontecido no 2000 que temos algo esquecido, o afundimento no Báltico dun submarino ruso, o “Kursk”, onde morreron 120 tripulantes. Deambula polo pecio e no último camarote decide aportar algo a toda esta historia interpretando un reguetón sinfónico, cousa que non ten moito senso. Está escrito en clave de absurdo.
É ficción, pero ao tempo é unha análise da actualidade?
O accidente do “Kursk” supuxo unha mostra da personalidade de Putín, que pese a todo negouse a abandonar o lugar das súas vacacións que era en Ucraína, amais rexeitou a axuda internacional. O personaxe dáse unha volta polo museo de cera e tódalas figuras son Putín, o que no 2000 era un chiste, agora resulta algo máis dramático. Vai dende as cuestións domésticas as máis universais, aparece o vello que rachaba coches no Calvario ou a morte de Germán Luaces quen vivía so nas illas Cíes.
É absurdo ou retranca?
É humor absurdo, unha sátira, sarcasmo, un xeito de estar no mundo, de sobrevivir. O absurdo é un ben común, se todos partiramos cun nivel de absurdo nas nosas vidas, viviríamos mellor, eu vouno aplicando a miña obra literaria.
Trátase dun formato novidoso na súa traxectoria, onde está só, amparado por unha montaxe audiovisual. Como se sinte?
A montaxe son vídeos cos que entalo unha conversa, unha especie de robot que me tenta guiar para que non me saía do guión, sen moito éxito. Aínda que teño experiencia escénica polas actuacións con Os Resentidos e coas postas en escena de Rompente, interpretar é unha ousadía. Fágoo todo con respecto aos meus compañeiros actores e actrices. Son un intruso no mundo da interpretación. Valoro moito o traballo actoral, considéroos protagonistas das artes escénicas, moito máis que os propios autores dos textos, é difícil converterse noutra persoa. Fágoo, porque como xa dixen, me resultaría imposible escribir para outro.
Denominarse intruso co seu currículo semella un pouco esaxerado.
A miña traxectoria é a dun contrabandista, que me fun infiltrando na música, no audiovisual ou no teatro. Non me sinto mal.
Falando da súa traxectoria, ven de presentar Rompente en castelán. Como foi?
Para nós foi moi importante sacar un novo libro despois de 40 anos, “Que hostia din os rumorosos?”, publicado pola editorial Elvira, con ilustracións de Menchu Lamas e Antón Patiño, con prólogo de Julián Hernández. En galego está funcionando moi ben, xa vai por la segunda edición, e pensamos en sacalo en castelán. A semana pasado presentámolo en Madrid, cunha experiencia moi boa. Impactounos porque amais do recital en Belas Artes, houbo un seminario sobre Rompente no Reina Sofía. Sentímonos desbordados, nós, uns gamberros que fixemos cousas que agora son obxecto de estudo, asumímolo con humildade e incluso con emoción.
Como o Dadaísmo cando entrou nos museos.
É o que teñen tódalas vangardas, cremos que estamos nun territorio experimental e o sistema cultural acaba tragándoo todo. Eramos provocativos nos 80, que nos consideraban uns malditos, igual a cuestión estaba máis na xente que recibía os textos como unha provocación. Pasan os anos e o curioso é que nos sentimos máis cómodos coas novas xeracións, estamos máis próximos ao ambiente actual, coas poetas contemporáneas galegas, e refírome a elas porque a maioría son mulleres.
A musical é outra das súas frontes abertas con Os Resentidos. Coa retirada de Siniestro Total convértense no último grupo dunha época. Como se leva?
A despedida de Siniestro déixoa entre interrogantes. Non fun ao seu concerto en Madrid. Non podía, era unha pena tan fonda, un exceso de emocións por tanta música compartida. Os Resentidos e Siniestro somos grupos irmáns, compartimos formación, xa que Javier Soto tamén toca connosco. Non me gusta pensar que as cousas se acaban, espero e creo que nos regalarán un definitivo concerto en Galicia, que debería ser en Vigo, aínda que coido que hai algo de incompatibilidade co protagonismo do alcalde. Siniestro naceu aquí, nun festival pequeniño que organicei co defunto de Bibiano no Salesianos. Se non actúan en Castrelos, aínda que sexa que aluguen 15 días o Salesianos para que tódolos vigueses poidamos pasar por alí. Non me conformo en pensar que acaba. Todos son músicos e seguirán ofrecendo música. Eu xa decidín que é un mal agoiro presentar algo como o último, así que Os Resentidos seguimos aquí, hai un ano sacamos disco novo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último