Don Benito, o párroco laborista do Calvario, protagonista de cómic

O vigués Pablo Carreiro presenta o seu novo traballo, “Xirarei!”, tiras cómicas con estética manga, nas fai repaso a historia de Galicia 

Personaxes variopintos coinciden na historia de Galicia feita por Carreiro.
Personaxes variopintos coinciden na historia de Galicia feita por Carreiro.

“Xirarei!”, editada por Cuarto de Inverno, é a nova publicación do vigués Pablo Carreiro, autor de banda deseñada, coñecido polo seu estilo da escola xaponesa. Cumpre así unha débeda pendente ao facer un pecorrido pola historia de Galicia, baixo un ton humorístico. “O punto de partida foi o libro que fixen sobre a historia de Xapón, penso que para coñecer a de fóra, primeiro temos que valorar o noso”. Esta tamén é a primeira obra que o autor fai en galego.

Aínda que non quería centrarse demais en Vigo, a presenza da súa cidade natal está moi presente en toda a obra. O seu barrio de nenez, O Calvario protagoniza unha das tiras, así como a súa parroquia, a Inmaculada Concepción. “Encántame a igrexa dos picos, o seu espazo interior é impresionante, lembra segue os mesmos principios que o origami xaponés, Cristo semella que está voando no aire”.

A figura de Don Benito, o párroco laborista, converteuse nun dos protagonistas da banda deseñada. “Fixo unha grande labor na época franquista, eu coñecino de pequeno e investiguei un pouco na súa vida, é unha homenaxe algo simbólica”.

O monumento ao traballo de Ramón Conde é outro dos viguismos que se colaron no percorrido galego. “Como diría Becky G ‘a mí me gustan mayores’ e os redeiros son impresionantes”, comenta o autor, que fai un percorrido polas obra pública do escultor.

Os peliqueiros, Ana Kiro, Rosalía de Castro, a serea de Castelao, o apalpador ou a gaivota de Cíes danse cita na historia máis tola de Galicia, que tamén se fai eco dos episodios máis dramáticos como a vida das Marías de Santiago. “Pese a dureza das súas vivenzas, o que me interesa amosar é esa alegría e os collóns que lle botaron a vida, pois pese a todo, fixeron o que querían, saír a pasear. Está tratado cun debuxo cálido e amable”.

Recoñece que se rompeu a cabeza para elixir que temas incluír: “Tiña claro que Rosalía e o Camiño de Santiago tiñan que estar, pero tamén era importante manter o meu compromiso con colectivo Lgtbi, incluíndo o matrimonio de Lisa e Marcela ou a cultura drag galega, que sempre me interesou”.

Pablo Carreiro presentará su libro o vindeiro sábado, ás 19 horas, no Uff.

Contenido patrocinado

stats