Cristina Pato: “Ao retirarme da música, polo camiño deixei de tocar”
Gaiteira e escritora, presenta a súa novela “Fóra de foco”
Cristina Pato (Ourense, 1980) triunfou aos 18 anos como gaiteira, formándose despois como pianista. Tras décadas de popularidade, retirouse dos escenarios e regresa coa súa segunda novela, publicada por Galaxia, “Fóra de foco”. Sobre ela e sobre a súa nova etapa falou no set de Atlántico TV.
Algúns aspectos das protagonistas de “Fóra de foco” lembran a súa traxectoria. Canto ten de autobiográfico?
Para poñer as cousas un pouco en situación, é unha novela sobre unha fotógrafa, Basil Cancela, que no mellor momento da súa carreira decide deixar a súa profesión, desaparecer e destruír toda a súa obra. Está narrada a través da voz de unha xornalista que se atopa cunha obra de Cancela e tenta respostar a preguntas sobre que leva a unha persoa a tomar unha decisión tan radical. Comparto coas dúas a paisaxe urbana e humana de Nova York. Móvense no West Village, que é o barrio que me acolleu nestes últimos 20 e pico de anos. E tamén nace de moitas das preguntas que me fixen eu nestes últimos 5 anos, desde que me retirei dos escenarios. Pero non é unha novela autobiográfica, simplemente nace desas cuestións sobre a relación entre a vida profesional e a persoal, especialmente nas profesións artísticas.
E cal é o motivo que leva a unha persoa que está triunfando a retirarse dos focos?
Ogallá tivera unha resposta! Esta novela nace un pouco de que a xente ten probablemente mil respostas diferentes a esa pregunta. No meu caso persoal é unha cuestión de circunstancias vitais de querer cambiar de vida aos 40 anos. No caso delas dúas, son camiños vitais inventados, que me axudaron a entender que hai mil xeitos de estar dun mundo. E o que cada un de nós escolle é unha opción aceptable sempre que se estea cómoda. Que facer cando non é así? Cales son as circunstancias que axudan a entender que quizais se pode facer algo? Desas preguntas nace todo isto, do ritmo da vida moderna. Que sentido ten para algúns de nós andar sempre tan rápido e quizais para outras persoas sexa todo o contrario? Que sentido ten acoller unha vida lenta? Cando entrei á vida pública eu tiña 18 anos, entón quizais tampouco fun consciente do que era. Foi a vida que vivín neste noso pequeno mundo. Esta novela é unha reflexión sobre todo iso.
Cambiou de vida pero segue nun mundo creativo, a música pola literatura.
Eu non desaparecín. Son moi diferentes as decisións tan radicais que toman as miñas protagonistas que á miña. Simplemente cambiei de profesión. Tamén está na novela, xa que unha persoa pode ser moitas cousas á vez ao longo da súa vida. Unha das cousas nas que paro é nesa idea de que en Nova York pode ser varias cousas á vez, sen que haxa nada malo niso e que ogalla todos puidésemos corrixir os erros do pasado. Que pasaría se tivésemos esa capacidade? Eu simplemente mudei. Igual que antes expresaba as miñas emocións a través da música, agora teño outro xeito de expresar o que pasa pola miña cabeza, quizais máis pausado.
O nome de Cristina Pato relaciónase coa gaita e co piano. Que papel xoga agora música na súa vida?
É curioso, porque cando que me retirei discretamente hai cinco anos, foi unha decisión á que levaba anos dándolle voltas. A idea era simplemente retirarme da industria e do que esa fora a miña profesión. Levaba moitos anos na docencia e escribindo para medios, decateime que nesta vía tamén podía expresar as cousas que estaban dentro de min. Reiteime e polo camiño deixei de tocar.
Non era esa a intención?
O obxectivo era simplemente retirarme dos escenarios, pero por razóns que aínda non son capaz de entender ou de explicar, deixei de tocar. Non sei se volverei a facelo.
Igual foi moita presión?
Pois tento non mirar atrás. Teño 44 e hai xa 26 ou 27 anos de que pasou todo iso. O bonito de escribir ficción é que non se fai atraveso dunha mesma. De súpeto aparecen estas dúas mulleres que me van levando polas mesmas preguntas que me fixen eu, pero con mil respostas posibles moi diferentes ás miñas. Explóroas e ábrese a porta a outro tipo de curiosidade que non está centrada no eu, senón no que pasaría se ao final decides gastar tódolos cartos en destruír absolutamente todo o que haxa sobre ti nos medios de comunicación. É que no fondo, se falamos dos paralelismos entre a novela e a miña vida, se cadra hoxe non hai que ter unha profesión pública para ter unha vida pública. Todos estamos nas redes sociais, todos dixemos cousas que 10 anos despois non nos representan. Está aí, é imborrable. Seguimos sendo esa mesma persoa ou aprendemos polo camiño a ser outra?
Outro tema importante que trata é a soidade.
A soidade é algo común ás grandes cidades e ás pequenas aldeas, en Nova York quizais é máis visual. Falo de moitos deses casos na novela, tanto relacionados ca xente que vive nas rúas como ca xente que vive soa, morre soa, e tardamos tempo en atopar os seus corpos, nos seus apartamentos. A novela tamén vai un pouco do que significa aprender a convivir coa soidade, aceptala e abrazala, a pesar de que as veces nos caia sen que queremos que nos caia enriba.
Contenido patrocinado
También te puede interesar