O cinema luso ao xeito de altofalante na crise da vivenda

Danilo Bastos Godoy, director inmigrante e do colectivo queer, presentou o seu documental “Procuro T” no festival Pontes

Danilo Bastos Godoy, onte, ás portas do Marco, sede de Pontes.
Danilo Bastos Godoy, onte, ás portas do Marco, sede de Pontes. | Festival Pontes

“Estou con rabia vendo o que está a acontecer coa vivenda. Eu mesmo, que hai dez anos que moro en Lisboa, estou na miña última semana de alugueiro, en novembro teño que deixar o apartamento. A cidade estase a converter nun parque de atraccións para turistas. É algo que pasa en Portugal, en España, en todas partes. Non podemos ficar na casa, sen facer nada, vendo Netflix”. Danilo Bastos Godoy foi o primeiro sorprendido polo apropiado da súa película, “Procuro T”, coa que participa en Pontes, o festival do cinema da lusofonía que acolle estes días o Museo de Arte Contemporánea.

Filmado en 2023, conta as dificultades de Teresa, unha inmigrante brasileira que procura vivenda en Lisboa. “A crise habitacional leva á xente a acampar e fai que a miña película sexa atemporal. É unha cuestión política é como pobo temos que organizarnos con tendas ou sen elas, abrazados e unidos ata que atopen unha solución”.

Migrante e do colectivo Queer, considera que o cinema debe encargarse de dar visibilidade aos problemas sociais. “Cada vez estase a preocupar destas temáticas sociais, o problema está en alcanzar ao público xenérico en Portugal que se amosa receloso dos de fóra, resúltalles incómodo o noso xeito de falar. Mais penso tódolos países lusófonos estamos a traballar nesta ferida, contando en primeira persoa as realidades que vivimos. Os realizadores están sensibilizados en falar das verdades que nos afectan”.

Como brasileiro en Portugal, nota unha importante mellora da industria audiovisual no seu país. “Nos últimos anos vivimos unha revolución, por primeira vez un filme de Brasil logrou un Oscar, expórtase moita produción nacional, quedaría por conseguir que se consumisen dentro do país. No exterior estamos construindo pontes a través de co-producións con España, Portugal e Francia, algo que é fomentado polos que estamos en Europa”. O seu próximo proxecto, “A camiñada dos 8”, Bastos aspira a implicar ao sector galego.“Quero rodar no norte de Portugal e a miña intención é integrar a Galicia para amosar a magnitude cultura que hai neste territorio”, afirma ao tempo que lamenta o pouco cinema deste lado do Miño que chega a Portugal “pese a ter tanto en común”.

Despedida do festival Pontes

O festival Portas despídese hoxe no Museo de Arte Contemporánea despois de tres días de proxeccións, ás 17.30 horas. Organizado por Abella Producións, visualizáronse doce curtametraxes procedentes da Lusofonía e de Galicia dentro da sección oficial en tres bloques, un por xornada. Ao final da sesión desta tarde daranse a coñecer aos galardoados. O xurado está composto por María Platas, especialista en cinema afroamericano; Flávio Machado, realizador e produtor brasileiro e Luís Bará, do Cineclube Celta.

Fóra de concurso, ás 20 horas, prográmase nos Multicines Norte a proxección de “A memoria do cheiro das cousas”, de António Ferreira, unha co-produción luso-brasileira, escollida para representar a Portugal nos Oscar. A programación paralela contou tamén con “Amuleto”, de Igor Barradas e Heraldo HB e con “Hanami”, dirixida pola caboverdiana Denise Fernandes

Contenido patrocinado

stats