O novo cinema de Brasil, filmes sociais cunha visión popular

Igor Barradas, Luisa Godoy e Heraldo HB, de Mate Com Angu compartiron en Impulsa Cine a situación do audiovisual no seu país

Luisa Godoy, Igor Barradas e Heraldo HB, entre André de Oliveira e Juan de Castro, organizadores de Pontes, na EMao.
Luisa Godoy, Igor Barradas e Heraldo HB, entre André de Oliveira e Juan de Castro, organizadores de Pontes, na EMao. | Vicente Alonso

O equipo de produción de “Amuleto”, cinta brasileira que se proxectará mañá nos Multicines Norte dentro do festival de cinema lusófono Pontes, disertaron onte sobre a situación da industria do audiovisual no seu país e do desenvolvemento de iniciativas independentes nos territorios da periferia. Igor Barradas, Luisa Godoy e Heraldo HB, do colectivo Mate Com Angu, participaron así en Impulsa Cine, actividade paralela ao propio festival.

“O momento que está a vivir agora o Brasil é moi importante, porque as persoas con menos diñeiro están comenzando a contar as súas propias historias”, sinalou Heraldo, ao tempo que destacou a importancia do investimento público á hora de democratizar os proxectos. “Hai 20 anos comezaron a aparecer producións feitas colectivamente e independentes, un novo cinema baseado na visión popular que neste momento supón a terceira riqueza do país. É unha visión que funciona, pero que a xente das clases populares aínda non teñen acceso”.

Se ata agora a realización de películas estaba limitada á elite que só contaba co resto da sociedade para protagonizar as súas historias, as entradas ás salas de exhibición seguen a ser prohibitivas para a maioría da poboación. “O 65% da xente cubra o salario mínimo, uns 300 dólares mensuais, e consume fundamentalmente telenovelas, comedias e melodrámas; por iso, o labor dos cineclubes está a ter unha grande importancia na divulgación doutro tipo de cine”, declara Barradas, que a través do colectivo levan outro tipo de filmografía aos seus veciños en Duque de Caxais, unha cidade da contorna de Río de Janeiro.

Aínda que pertencentes a lusofonía, recoñecen que a Brasil non chegan as películas europeas, nen as dos países de fala portuguesa, tal e como explica o director: “Brasil está de cara ao mar, a Estados Unidos e a Francia, e as distribuidoras de cinema, en máns de estadounidenses, inundan as carteleiras con títulos de Hollywood, polo que tampouco é doado chegar ao público con producións brasileiras”.

Casos excepcionais foron “Aínda estou aquí”, de Kleber de Mendonça, conseguiu o Oscar á mellor película e o Globo de Ouro á mellor actriz con Fernanda Torres. “Brasil olla cara a Estados Unidos e isto tivo moita repercusión no país. O seu director, que é un banqueiro e forma parte de esa elite social, logrou moito diñero para invertir en promoción. Foi éxito, unha película sobre o represión que tampouco chegou á base social, aínda que si á clase media”. Contou cun acceso ao financiamento só ao alcance duns poucos, segundo constatou Godoy. Un fenómeno semellante aconteceu con “O agente secreto”.

O peso da industria norteamericana apenas deixa sitio na oferta audiovisual para a lusofonía. “Nos últimos anos a relación con África aumentou, xa que as cotas de universitarios negros formou a profesionais que viran o ollar cara a ese continente”.

De Galicia tan só chegou “Sirat”, de Oliver Laxe e “As Bestas”, de Rodrigo Sorogoyen. “Nós descoñeciamos este vencello entre o galego e o portugués, é algo que non é coñecido en Brasil, amais da presenza de migración galega. Penso que festivais como Pontes son interesantes para favorecer o intercambio e as relacións entre os países da mesma fala”. Barradas considera que o cinema brasileiro atópase nun momento propicio para estas relacións creativas. “Con todo, dependerá do resultado electoral. Se gaña a dereita o primeiro que vai recortar é en cultura”, afirmou Luisa Godoy.

Os tres estarán presentes na proxección de “Amuleto”, un filme no que renden homenaxe a Nelso Pereira dos Santos, padriño do Cinema Novo do Brasil, e a súa película “Amuleto de Ogum”, rodada en 1974 na súa cidade, Duque de Caxias. No seu momento supuxo unha revolución do xénero. “Tardamos onze anos en reunir o financiamento para facela, amosa o difícil que aínda resulta facer cine independente”, puntualizou Godoy.

Pontes comeza hoxe a súa sección oficial con proxeccións no Marco a partir das 17:30 horas, con doce curtas en cartel. Prolongarase ata o sábado. Paralelamente, os Norte acollera cada día a exhibición das películas fora de competición.

Contenido patrocinado

stats