Catro proxeccións de culto na novena edición de Freak Film Festival
O Galician Freaky Film Festival homenaxea aos Mad Doctor na súa novena edición, que terá lugar entre o 19 e o 27 de setembro na Praza Elíptica. As entradas xa están á venda para os catro filmes
A sesión inaugural do Galician Freaky Film Festival, o venres 19 de setembro, virá marcada por unha dobre sesión, celebrando o 50º aniversario de “Young Frankenstein”, obra mestra de Mel Brooks que parodia os clásicos do terror, e os 35 anos de “Bride of Re-Animator” ("La novia de Re-Animator"), secuela de culto da icónica Re-Animator, onde os límites da ciencia e da moral explotan en carne e vísceras a mans do inesquecible doutor Herbert West.
O domingo 21, o público terá a oportunidade de gozar da proxección de “X: The Man with the X-Ray Eyes” ("El hombre con rayos X en los ojos"), filme do que celebra o 60º aniversario e que simboliza a fusión entre ciencia ficción e crítica social con baixo orzamento e imaxinación desbordante. A sesión servirá para render homenaxe ao seu director, Roger Corman, falecido en 2024 e unha das figuras máis influíntes do cinema independente e de serie B. A clausura do festival, o sábado 27, será unha gran festa freak coa proxección da xa anunciada “The Rocky Horror Picture Show”, que tamén celebra o seu 50 aniversario. O provocador musical, que protagoniza o cartel, servirá como broche de ouro logo da entrega de premios da novena edición. A proxección contará coas habituais sorpresas escénicas e co ambiente desinhibido do Galician Freak Film Festival.
Contenido patrocinado
También te puede interesar